Publicador de contidos

Publicador de contidos

Golpe ao Cartel de Jalisco en España: 20 detidos que traían droga en maquinaria pesada

Golpe ao Cartel de Jalisco en España: 20 detidos que traían droga en maquinaria pesada

Un dos arrestados é un empresario español que daba soporte loxístico ao grupo

G24.gal 18/11/2025 09:36

A Policía Nacional xunto coa DEA estadounidense e Países Baixos, desmantelou a "oficina" do Cartel de Jalisco Nueva Generación (CJNG) en España, nunha operación en que foron detidas 20 persoas que presuntamente se dedicaban a introducir desde América do Sur grandes cantidades de droga oculta en maquinaria industrial de gran tonelaxe.

Bautizada como operación Oyamel, os axentes incautáronse de 1.870 quilos de cocaína, 375 quilos de anfetamina, 275.000 euros en efectivo, criptomoedas por valor de 15.000 dólares, 3 armas curtas de fogo, 15 vehículos e 14 quilos de prata.

Segundo informa a Dirección Xeral da Policía Nacional, os axentes da Unidade Central de Drogas e Crime Organizado (UDYCO) constataron que esta organización coordinaba os envíos de droga -cocaína e metanfetaminas- desde unha finca próxima a La Adrada (Ávila) con ramificacións en Bilbao e Valencia. Nesta finca e noutras situadas na serra de Madrid almacenábase e custodiábase o estupefaciente.

Mentres, desde outros inmobles situados en Talavera de la Reina (Toledo) recibían e enviaban a maquinaria industrial coa droga oculta rumbo a Italia onde existían vínculos coa camorra napolitana. De feito, en setembro detectouse un primeiro envío de cocaína cara ao país transalpino a través dun capo do clan Amato-Pagano.  

Entre os 20 arrestados en Madrid, Ávila, Bilbao, Valencia e Toledo -15 ingresaron en prisión- atópanse un empresario español encargado de dar soporte loxístico desta oficina do cartel mexicano con varias sociedades mercantís e de lavar o diñeiro da droga a través das mesmas, dous obxectivos prioritarios da DEA e varios membros da camorra italiana.

Estrutura reactivada e un cargamento desde Costa Rica

A investigación iniciouse hai meses cando se constatou a introdución de cocaína en España oculta en maquinaria industrial de gran tonelaxe, aproveitando a trama empresarial deste cidadán español, un dos principais obxectivos ao servizo do cartel.

Os investigadores consideran que a organización reactivara a súa estrutura operativa ante a chegada dun cargamento de droga, oculta en maquinaría industrial de gran tonelaxe, incorporando novos membros mexicanos enviados expresamente polo cartel.

A fase operativa da investigación levouse a cabo en dúas partes: unha dirixida ás detencións do núcleo de operacións e outra contra os puntos clave de distribución nas provincias de Valencia e País Vasco.

No momento da explotación, e de forma coordinada coas autoridades de Países Baixos, interceptouse un cargamento procedente de Costa Rica con estupefaciente oculto na maquinaria industrial dun contedor marítimo.

A operación foi dirixida polo Xulgado Central de Instrución Número 2 da Audiencia Nacional e pola Fiscalía Especial Antidroga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade