Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Policía detén sete persoas por estafar miles de euros coa técnica do SIM swapping

A Policía detén sete persoas por estafar miles de euros coa técnica do SIM swapping

Os arrestados operaban dende a localidade barcelonesa de Sant Adrià de Besòs e hai polo menos 16 vítimas

A investigación iniciouse tras a denuncia dun residente na cidade da Coruña ao que lle roubaron 9.500 euros

Tamén hai afectados noutros dous concellos galegos: Ferrol e Marín

G24.gal 15/11/2025 11:43 Última actualización 15/11/2025 12:55

A Policía Nacional detivo sete homes acusados de usar a técnica do Sim swapping para estafarlles milleiros de euros a particulares en varias provincias. Os arrestados operaban dende a localidade barcelonesa de Sant Adrià de Besòs.

As forzas de seguridade lograron esclarecer 16 casos na Coruña, Ferrol, Marín, Ávila, Arrecife, Madrid, Valladolid, Alcobendas, Xerez da Fronteira, Cáceres, Melilla e Zaragoza.

O Grupo de Investigación Tecnolóxica da Coruña iniciou as pescudas tras a denuncia dun residente nesta cidade que aseguraba ser vítima dun calote de 9.500 euros.

Segundo manifestou, recibira múltiples cargos nas súas contas bancarias, efectuados con tarxetas de crédito ao seu nome que non solicitara, e envíos de diñeiro a caixeiros automáticos concretos para a súa retirada en persoa.

As investigacións permitiron concretar que a estafa fíxose coa técnica denominada SIM swapping. Consiste en enganar unha compañía telefónica para que transfira o número de teléfono dunha vítima a unha tarxeta SIM que o atacante controla.

Adoita facerse mediante enxeñería social, facéndose pasar pola vítima, proporcionando información persoal roubada (como datos de identificación ou respostas a preguntas de seguridade).

Tras conseguilo, pode acceder a contas vinculadas co teléfono, como correos electrónicos, redes sociais ou servizos bancarios, que usan a verificación en dous pasos (2FA) enviando códigos por SMS, que neste caso chegan directamente ao móbil que posúe o delincuente.

Mecanismos de prevención

A técnica do SIM swapping ten como obxectivo principal roubar diñeiro, criptomoedas ou información sensible. É un ataque perigoso, porque non depende de hackear dispositivos, senón de explotar vulnerabilidades humanas nos procesos das operadoras.

A Policía Nacional lembra que para evitar este tipo de calotes é moi importante actuar con celeridade.

No caso de detectaren unha solicitude de duplicado de SIM ou portabilidade non efectuadas pola vítima ou perder o control da liña telefónica,  aconsella contactar inmediatamente co operador.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade