GKN Driveline Vigo anuncia un ERE para 75 traballadores
A medida "enmárcase principalmente na volátil transición do sector cara ao vehículo eléctrico e na redución dos volumes de produción en Europa, o que derivou nunha menor demanda dos produtos fabricados na planta de Vigo"
Logotipo de GKN (GKN Automotive)
GKN Driveline Vigo, empresa do sector da automoción dedicada ao deseño, desenvolvemento e fabricación de sistemas e compoñentes de transmisión, anunciou este mércores ao comité de empresa, ao que reuniu de urxencia, que inicia un procedemento de despedimento colectivo (ERE) que afectará a un máximo de 75 persoas.
Segundo a compañía, a medida "enmárcase principalmente na volátil transición do sector cara ao vehículo eléctrico e na redución dos volumes de produción en Europa, o que derivou nunha menor demanda dos produtos fabricados na planta de Vigo".
A empresa engade nun comunicado que "esta evolución afecta tanto as subministracións a clientes externos como á produción destinada a outras plantas do Grupo e ten un impacto directo na carga de traballo do centro".
Este anuncio supón o inicio dun período de negociación e dentro de sete días, explican os sindicatos, a empresa terá que entregar a memoria explicativa, aclarando os motivos que xustifican a súa decisión, o número de persoas afectadas, así como os talleres ou departamentos.
GKN Driveline Vigo conta actualmente cun persoal de 725 persoas e dedícase á produción de xuntas e transmisións para vehículos de tracción dianteira, traseira, ás catro rodas e vehículos industriais, utilizando na súa fabricación medios e métodos de alta tecnoloxía.