Gates arrepíntese da súa relación con Epstein: "Nunca debín reunirme con el"
O cofundador de Microsoft asegurou ante un comité do Congreso dos EUA que nunca tivo indicios das actividades crimais de Epstein
A audiencia foi a porta pechada. Reuters
O cofundador de Microsoft, Bill Gates, asegurou este mércores ante un comité do Congreso dos Estados Unidos que nunca tivo indicios das actividades criminais de Jeffrey Epstein e recoñeceu estar arrepentido de relacionarse co delincuente sexual.
"Nunca debín reunirme con Epstein en primeiro lugar. Á luz do que sei agora, comprendo que, mesmo se conseguise os novos doantes que prometeu, iso non xustificaría asociarme con el", declarou Gates segundo un testemuño inicial na audiencia a porta pechada, publicado na súa páxina web.
Gates insistiu en que nunca presenciou nin tivo indicio algún de que "Epstein estivese involucrado en actividades delituosas continuas".
"Xamais fun á súa illa, nin ao seu rancho nin á súa residencia da Florida. Nunca vitimicei a ninguén. Aínda que é posible que el intentase fomentar unha relación privada, eu nunca tiven interese niso nin correspondín a tales intentos", agregou.
O multimillonario tamén relatou as orixes da súa relación con Epstein, ao que coñeceu en 2011 a través de persoas de confianza "no ámbito profesional e filantrópico", e resaltou que o falecido financeiro "afirmaba que podía recadar miles de millóns de dólares para a saúde mundial" entre os seus clientes.
Gates quixo matizar o alcance da súa relación con Epstein e asegurou que os seus contactos terminaron "en decembro de 2014, catro anos antes de que novas informacións de prensa e documentos xudiciais desclasificados sacasen á luz o alcance dos seus delitos".
"Agora vexo que el buscaba construír unha imaxe de lexitimidade ao redor de si mesmo, valéndose dos seus contactos con persoas influentes e respectables para eludir o escrutinio e intentar rehabilitar a súa reputación", indicou.
O magnate tecnolóxico insistiu: "Aprendín unha lección importante, e agora son moito máis cauteloso respecto a con quen me relaciono, mesmo de xeito limitado".
Tamén recoñeceu o labor "fundamental" do comité do Congreso no seu labor por esclarecer elementos do polémico caso tras a publicación de centos de miles de documentos polo Departamento de Xustiza e engadiu a súa esperanza en que "as persoas prexudicadas polos crimes de Epstein reciban a xustiza que merecen".