Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desartellan un grupo ao que responsabilizan de dezaseis roubos con forza na área de Betanzos

Desartellan un grupo ao que responsabilizan de dezaseis roubos con forza na área de Betanzos

Os investigadores lograron identificar os supostos autores dos roubos, todos eles pertencentes á mesma unidade familiar

Nun rexistro, recuperou ferramentas de xardinería e construción, produtos cárnicos valorados en máis de 3.500 euros, unha arma de fogo de fabricación caseira, varios teléfonos e diñeiro en efectivo

Garda Civil/Ministerio do Interior
G24.gal 02/04/2025 10:35

Desde o pasado mes de febreiro cometeron 16 roubos con forza nos concellos de Curtis, Betanzos, Oza-Cesuras, Coirós e Bergondo. E grazas a unha exhaustiva investigación, a Garda Civil logrou identificar os presuntos autores, todos eles pertencentes á mesma unidade familiar.

"Actuaban de xeito organizado subtraendo ferramentas de xardinería, construción, motores, combustible e produtos cárnicos valorados por máis de 3.500 euros, unha arma de fabricación caseira, terminais telefónicos que posteriormente vendían en establecementos de segunda man", explica Lola Amado, voceira da Garda Civil da Coruña.

No rexistro do seu domicilio, os axentes atoparon cartos en efectivo e lograron recuperar estes obxectos roubados, que suman un valor de 30 mil euros. 

"Púidose determinar que os detidos xa obtiveran máis de sete mil euros coa venda do material roubado. Todos estes efectos foron depositados no cuartel da Garda Civil de Sada onde as vítimas poderán identificalos e recuperalos", engade Amado.

Os catro detidos foron postos á disposición xudicial o pasado 29 de marzo. Un deles ingresou na cadea e os outros tres quedaron en liberdade con cargos á espera de xuízo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade