García Ortiz defende a solidez da Fiscalía aínda que as persoas sexan "substituíbles"
O fiscal xeral pronunciou na Coruña o primeiro discurso público tras a celebración do xuízo por revelación de segredos
Asistiu á toma de posesión de Carmen Eiró como fiscala superior de Galicia, a primeira muller que chega este cargo
Eiró dixo de García Ortiz que o seu "compromiso co estado de dereito está fóra de toda dúbida"
O fiscal xeral do Estado reafirmou este luns o seu "compromiso coa xustiza" e defendeu que a Fiscalía, aínda que as persoas sexan "substituíbles", é unha institución sólida conformada por "solucionadores" e non por "creadores de problemas" .
Na toma de posesión da primeira muller que chega á Fiscalía Superior de Galicia, Carmen Eiró, García Ortiz pronunciou o seu primeiro discurso público tras o xuízo no Tribunal Supremo por unha suposta revelación de segredos. Iniciou o seu discurso coa "reafirmación" do compromiso coa xustiza, coa legalidade e cos dereitos fundamentais, "que constitúen a esencia do Estado de dereito".
Díxoo xusto antes de citar a Castelao para declarar que "a liberdade non se pide, conquístase" e "esa conquista só é posible mediante institucións sólidas e persoas íntegras que converten eses principios en realidades".
Espera Ortiz que a xustiza sexa un dereito e non un privilexio, debido a que sostivo que "a xustiza reside na confianza do pobo e tamén a fortaleza do Estado".
Sobre a Fiscalía, mencionou o seu "valor", pois aínda que as persoas son "substituíbles", "a institución é sólida" no seu camiño cara á modernidade que se lles nega "con determinados prexuízos" a pesar de que os seus membros son "abnegados traballadores, servidores".
Apostou polo "control temporal do poder" que "é san para a democracia tamén" e por desposuírse "un pouco dalgunha roupaxe" que os afasta da cidadanía.
"Necesitamos ser os solucionadores de problemas, o que debe ser a xustiza, non os creadores de problemas", engadiu.
No seu discurso citou, unha vez máis, a "necesidade do cambio de modelo de xustiza penal", en liña coa proposta do Goberno de modificar a lei para que a Fiscalía asuma as investigacións, en lugar dos xuíces, para orientarse no mesmo sentido que o resto de Europa.
Pediu "transcender da distribución" do século XIX e "pensar no mañá e o pasadomañá", nun momento no que considera que "a delincuencia transnacional é a maior ameaza para o estado democrático e para o estado de dereito".
A fiscal superior de Galicia, Carmen Eiró, nun discurso en galego defendeu que a Fiscalía é "un corpo único e comprometido coa verdade e coa lei". Dirixiu unhas palabras a García Ortiz, no seu primeiro acto tras o xuízo, para agradecerlle a confianza depositada e para referirse, sen citalo, ao recente proceso.
"A prudencia, o apoio, a discreción, a defensa da legalidade e o seu compromiso co estado democrático de dereito por parte do fiscal xeral do Estado están fóra de toda dúbida", continuou.
Entre os retos aos que se enfronta, citou a loita contra a violencia de xénero, a protección da infancia, das persoas maiores e das persoas con discapacidade, os delitos ambientais -en especial os incendios forestais-, a corrupción, a criminalidade económica e os delitos dixitais.