A exprimeira ministra de Bangladesh Sheikh Hasina, condenada a pena de morte
O Tribunal Internacional de Crimes de Bangladesh considéraa culpable de crimes de lesa humanidade durante a represión das protestas do verán pasado en que se estima que morreron 1.500 persoas
A exprimeira ministra Sheikh Hasina (REUTERS/Wolfgang Rattay)
O Tribunal Internacional de Crimes de Bangladesh (ICT, polas súas siglas en inglés) condenou este luns a pena de morte á exprimeira ministra Sheikh Hasina por considerala culpable de crimes de lesa humanidade durante a represión das protestas de 2024, que culminaron coa súa dimisión e fuxida a India.
"Polos seus cargos (de crimes de lesa humanidade) decidimos impoñerlle só unha sentenza, que é a pena de morte", dixo o xuíz Golam Mortuza Mozumder, indicou na lectura do veredicto retransmitido pola cadea de televisión de Bangladesh BTV.
Xusto despois da lectura da sentenza, os asistentes á sala do tribunal en Daca lanzaron aclamacións e mostraron o seu entusiasmo.
Antes da condena final, o tribunal xa impuxera a Hasina unha sentenza de cadea perpetua por outro dos feitos do expediente, ao considerala responsable de incitar á violencia, ordenar o uso de armas letais contra os estudantes que protestaban e non tomar medidas para evitar os abusos.
O exministro do Interior, Asaduzzaman Khan Kamal, tamén foi condenado á morte no mesmo caso, mentres que o exinspector xeral de policía Chowdhury Abdullah Al-Mamun -quen declarou como testemuña do Estado- recibiu unha pena reducida de cinco anos de prisión.
Segundo o fallo, a condena capital contra Hasina corresponde á súa responsabilidade no tiroteo e asasinato de seis manifestantes desarmados en Daca o 5 de agosto do ano pasado, un dos episodios máis graves da represión do levantamento estudantil.
O tribunal revisou cinco cargos en total, que incluían asasinato, intento de asasinato, torturas, outros actos inhumanos e a omisión deliberada de impedir abusos cometidos polas forzas de seguridade e militantes da liga Awami (partido entón de Goberno).
A sentenza anunciouse baixo un forte dispositivo de seguridade que involucrou o Exército, a Policía e outros corpos de seguridade.
Sheikh Hasina, líder histórica da liga Awami e a primeira ministra que máis tempo gobernou Bangladesh, deixou o poder en agosto de 2024 tras un levantamento encabezado por estudantes e mozos que denunciaban abusos das forzas de seguridade, corrupción e represión política.
As manifestacións comezaron de forma pacífica, pero pronto foron duramente reprimidas polas forzas de seguridade baixo o seu mando, o que forzou a súa dimisión o 5 de agosto e a posterior fuxida á India, onde permanece desde entón.
A ONU estima que unhas 1.500 persoas morreron durante a denominada "Revolución de xullo", tras a cal asumiu un Goberno interino encabezado polo Nobel da Paz Muhammad Yunus.