Facenda ofrece ás comunidades unha décima de déficit e a Xunta lamenta que "tardara tanto"
Alfonso Rueda insiste na necesidade dunha convocatoria para negociar un novo marco de financiamento autonómico
Xuntanza do Consello de Política Fiscal e Fianceira (EFE/Zipi Aragón)
A Xunta de Galicia lamenta que "tardara tanto" en anunciarse a marxe de déficit dispoñible para as comunidades autónomas, que o Ministerio de Facenda situou este luns no 0,1 %, e que lles traslada aos distintos gobernos na xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira que se está a celebrar.
Alfonso Rueda, tras a reunión semanal do Consello da Xunta, dixo que "nós imos a déficit cero" e a Administración galega elaborou "as súas contas con esa previsión", polo que non se ven afectadas polo ofrecemento de Facenda. "Todo o que calculamos estaba ben calculado", afirmou Rueda.
A cifra de déficit do 0,1 % proposta por Facenda ás comunidades sería para os tres próximos exercicios: 2026, 2027 e 2028, o que segundo os cálculos do Goberno ofrécelles unha marxe adicional de 5.485 millóns neste período.
Facenda ten garantida a aprobación dos obxectivos de estabilidade, xa que conta coa metade dos votos no CPFF, polo que lle abonda con que unha soa rexión vote a favor.
Así, tras presentala a rexións e corporacións locais, o Goberno aprobará a senda de estabilidade e o teito de gasto para o próximo ano no Consello de Ministros do martes e despois remitiraa ao Congreso, onde podería atopar dificultades para lograr o seu aval debido ao rexeitamento Junts, que xa votou en contra desta mesma marxe de déficit na senda de déficit 2025-2027, que nunca chegou a aprobarse.
A senda de estabilidade (déficit, débeda e senda de gasto) é o paso previo á elaboración dos orzamentos para o próximo ano. En calquera caso, o Goberno podería presentar orzamentos se leva en dúas ocasións a senda de estabilidade ás Cortes, aínda que sexan rexeitadas, nese caso entrarían en vigor os obxectivos remitidos a Bruxelas.
157.731 millóns en entregas a conta
Ademais, Montero comunicou ás rexións que o próximo ano recibirán 157.731 millóns de euros en concepto de entregas a conta, un 7 % máis que este ano e a cifra máis alta da historia grazas á boa dinámica da economía española, que permitiu mellorar a cifra estimada en xullo.
Este importe de entregas a conta, sumado á previsión de liquidación do exercicio 2024, que se efectuará en 2026, elevará o financiamento total a 170.300 millóns de euros, un 7,7 % máis que este ano e o un máximo histórico.