Gandeiros denuncian presións das empresas para aceptar prezos á baixa na venda do leite
Din que propoñen baixadas dun 10 % sen dar opcións a negociar
Os gandeiros piden prorrogar os contratos anteriores e non baixar dos 55 céntimos por litro
O groso dos contratos do leite renóvanse o 1 de abril, e para esta nova campaña láctea as industrias propoñen prezos á baixa.
As organizacións agrarias cren que é unha baixada inxustificada e ilegal, e denuncian presións aos gandeiros para que asinen eses contratos.
Os gandeiros vense contra as cordas, porque a oferta de renovación chegoulles sen os dous meses de antelación obrigatorios, así que non teñen marxe de manobra, e cunha baixada no prezo de arredor dun dez por cento.
Dende Unións Agrarias cren que poden estar de novo fronte a un cártel do leite, en que as industrias pactarían esa renovación de última hora, con rebaixas similares nos prezos e contratos de menos dun ano de duración.
Todo, denuncian, sen negociar, e con presións para que asinen. Piden polo menos eses dous meses de prórroga para poder pactar solucións.