Publicador de contidos
Publicador de contidos

Remite a chuvia, pero continúa activo o plan especial ante o risco de inundacións

Remite a chuvia, pero continúa activo o plan especial ante o risco de inundacións

Ata as doce do mediodía houbo aviso amarelo por precipitacións abundantes na provincia de Pontevedra e no suroeste da Coruña

G24.gal 05/05/2024 08:20 Última actualización 05/05/2024 14:50

A forte choiva volveu ser protagonista este domingo. Ata o mediodía houbo aviso amarelo por acumulacións de máis de 40 litros por metro cadrado en doce horas na provincia de Pontevedra e no suroeste da Coruña.

Agora, a Xunta só mantén activado o Plan Especial ante o Risco de Inundacións en Galicia (Inungal) co obxectivo de facer un seguimento das estacións que miden a capacidade dos ríos, xa que se agarda un incremento importante dos caudais nas vindeiras horas.

Están en vixilancia especial o río Lérez, ao seu paso por Pontevedra, e o Tambre no seu percorrido por Oroso. Nestes puntos cómpre extremar as precaucións.

Sábado de chuvia e vento

Este sábado a intensa choiva obrigou a activar tamén o aviso amarelo nas provincias da Coruña e Pontevedra ata as tres da tarde. Nalgúns puntos rexistráronse acumulacións superiores aos 100 litros por metro cadrado.

En Muralla, no concello de Lousame, chegaron aos 110 l/m2; en Santa Comba, aos 106, e en Val do Dubra, aos 80 l/m2. Na provincia de Pontevedra, as zonas en que caeu máis auga son Cuntis (79 l/m2) e Poio (78 l/m2).

Xornada tamén de forte vento, que provocou caídas de árbores e desprendementos de terra. Segundo datos de MeteoGalicia, o refacho máximo de 108,8 km á hora rexistrouse este sábado na estación de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras.

Tamén houbo ventadas importantes, por riba dos 100 km/hora, no Penedo do Galo en Viveiro, no Xistral en Muras e no monte Xesteiras, en Cuntis.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade