Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia rexistra 42 mortos por afogamento no que vai de ano, oito máis ca en 2025

Galicia rexistra 42 mortos por afogamento no que vai de ano, oito máis ca en 2025

En xullo morreu máis xente na auga ca nas estradas 

Preocupa especialmente a repunta de vítimas infantís

G24.gal 17/08/2026 14:46

Con tanta calor todos queremos meter o corpo a remollo, pero sempre con precaución, xa que a auga pode ser unha trampa mortal para os que arriscan demasiado.

Galicia acumula 42 mortos en praias, piscinas e ríos este ano, en toda España van 308. Preocupa especialmente a repunta de vítimas infantís.

"Por iso non podemos sacarlles o ollo de enriba, en pouco tempo un neno afoga. Nun despiste pode caer boca abaixo, se non ten mobilidade nun palmo de auga pode morrer", explica Nuria Rodríguez, a presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia.

Descoidos cos pequenos, indisposición entre os maiores ou imprudencias están detrás da maioría dos afogamentos. Unha bandeira vermella no mar é como un sinal de stop na estrada, pero algúns fan caso omiso.

"É un problema que temos desde hai moito tempo. Nós non somos autoridade, non podemos multar. Algúns adolescentes e tamén xente maior non nos fai nin caso".

Á falta de conciencia únese a dificultade para atopar socorristas en Galicia. A formación é moi esixente, pero a tempada de traballo moi curta. Así que desde a Federación piden ampliala.

"Hai que ampliar a tempada, que dure do un de xuño ao trinta de setembro. Cada vez hai máis ondas de calor, máis turistas e máis verán e precisamos máis profesionais durante máis tempo para que a eles tamén lles sexa atractivo o traballo".

O mellor consello é seguir as advertencias destes profesionais. E se non os hai, cómpre tirar de sentido común para que un refrescante baño non remate en traxedia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade