Galicia presenta as súas subsedes para o Mundial 2030
Os emprazamentos están vinculados ás candidaturas da Coruña e Vigo

A Federación Galega de Fútbol (RFGF) trasladou á Federación Española a súa proposta con varios campos repartidos por toda Galicia para completar as candidaturas de Vigo e A Coruña para ser sedes do Mundial 2030, que organizarán conxuntamente España, Portugal e Marrocos.
A proposta da federación territorial inclúe, entre outros, ata seis campos de herba natural: A Malata (Ferrol), Anxo Carro (Lugo), Pasarón (Pontevedra), Vero Boquete (Santiago), A Magdalena (Vilalba) e Ponte dos Brozos (Arteixo).
Técnicos da Federación Española trasladáronse esta semana a Galicia para inspeccionar estas instalacións e valorar se cumpren as esixencias como posibles campos de adestramento das seleccións.
Este martes, o persoal da RFEF visitará as instalacións da cidade deportiva Afouteza do R. C. Celta, así como os campos de Pardellas (Ponteares), Pasarón e Baltar (Portonovo).
Ao día seguinte, desprazaranse aos campos de Burgán (Cambados), A Senra (Ribadumia), Vero Boquete (Santiago), Vista Alegre (Ordes), Ponte dos Brozos (Arteixo) e á cidade deportiva do RC Deportivo, en Abegondo. Por último, o xoves visitarán á Malata e A Magadalena.