Galicia precisa 22.000 doazóns de sangue este verán
A comunidade supera xa as 44.000 trasfusións en 2026 e busca manter unhas 400 achegas diarias durante os meses estivais
Galicia rexistrou máis de 44.000 doazóns de sangue no que vai de ano, e fixa como obxectivo para este verán manter unha media de 400 achegas diarias para garantir o abastecemento dos hospitais.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou este martes a campaña Un alento de vida, coa que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) reforzará a súa actividade entre o 15 de xuño e o 30 de agosto. Durante ese período, as súas doce unidades móbiles percorrerán ata 170 concellos gallegos.
Segundo explicou, durante os próximos meses serán necesarias arredor de 22.000 doazóns para cubrir as necesidades asistenciais. Ademais, destacou que no que vai de ano incorporáronse preto de 9.275 novos doadores.
Plan sanitario para verán
O titular de Sanidade avanzou tamén que a Xunta presentará a próxima semana o seu plan sanitario para o verán, que incluirá medidas asistencias e recomendacións de saúde pública.
Gómez Caamaño defendeu que o Sergas manterá unha "marxe de seguridade" por riba das necesidades asistenciais, aínda que admitiu que a actividade hospitalaria diminuirá durante os meses estivais debido ás vacacións do persoal e ás dificultades para cubrir as ausencias.
O conselleiro tamén advertiu de que a presión asistencial pode aumentar nalgúns centros de saúde das zonas turísticas, aínda que asegurou que existen plans de continxencia para facer fronte a esa situación.