Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia, pendente de confirmar o primeiro caso de varíola do mono

Galicia, pendente de confirmar o primeiro caso de varíola do mono

En España hai 7 confirmados e 23 positivos, pendentes de secuenciar

G24.gal 20/05/2022 21:31 Última actualización 20/05/2022 21:54

Descoñécese a que area sanitaria corresponde o caso sospeitoso de varíola do mono detectado en Galicia. De momento, o Sergas confirma que se activou o protocolo porque unha persoa presenta síntomas, que está no seu domicilio, e que se enviaron as probas PCR para seren analizadas no Instituto Carlos III de Madrid. 

Este venres rexistráronse casos similares  en Estremadura, Araba  e Castela- A Mancha, aínda que a maioría están en Madrid, asociados a unha sauna que xa foi pechada polas autoridades  para controlar os contaxios. 

España xa é o país europeo con máis casos notificados. Sanidade mantén que hai 7  confirmados e 23 tamén positivos en varíola pero sen confirmar que sexa a do mono. A evolución dos enfermos é leve  e ningún deles tivo que ser hospitalizado nin precisou de tratamento específico.

Os investigadores non se cansan de repetir que é unha enfermidade de baixa mortalidade, que a maior parte dos contaxios son de animal a humano e que entre persoas se transmite por contacto estreito, non necesariamente sexual. Os síntomas son cansazo, dor de cabeza e, sobre todo, ronchas similares ás da varicela, segundo Álvaro Mena, da Unidade de Infecciosos do CHUAC.

As autoridades sanitarias recomendan que acudan ao médico se teñen estes síntomas. Xa hai un protocolo para a súa detección precoz, e aínda que ningún enfermo precisou de tratamento específico, o Ministerio asume que os casos de varíola subirán e non descartan, segundo a ministra, a compra de vacinas.

"Estamos analizando, estamos valorando a viabilidade, a efectividade para os casos e, sobre todo, a dispoñibilidade dos mesmos", asegura Carolina Darías, ministra de Sanidade.

Galicia está alerta, pendente de que o Ministerio lles comunique se hai vacinas dispoñibles e si son eficaces, no caso de que aumenten os contaxios.

"Se houbese algún caso sospeitoso en Galicia que logo se confirmase, poder administrala se realmente é unha arma terapéutica importante como parece que é", afirma Xulio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade