Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia mercará espazos na costa de "máxima protección ambiental" para restauralos

Galicia mercará espazos na costa de "máxima protección ambiental" para restauralos

A Xunta vai adquirir terreos, concibidos como refuxios do litoral, co fin de potenciar a súa conservación

Ánxeles Vázquez anunciou o investimento de 2 millóns de euros para habilitar "o camiño do litoral" no 2026

A xunta vai adquirir terreos no litoral para potenciar a súa conservación
G24.gal 15/11/2025 13:03 Última actualización 15/11/2025 16:19

A Xunta comezará en 2026 a adquirir "espazos dentro da costa, considerados de máxima protección ambiental" para restauralos e analizar a posibilidade de compatibilizar a súa conservación con novos usos.

Segundo explicou este sábado en Poio a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, esta iniciativa inscríbese na planificación do Goberno galego tras o traspaso das competencias para xestionar o litoral.

O obxectivo é a constitución dun Patrimonio Público do Solo do Litoral para ter reservas nas que desenvolver actuacións de iniciativa pública que contribúan a mellorar o medio ambiente, o patrimonio natural e o cultural.

Basicamente mercaranse terreos, concibidos como refuxios do litoral, co fin de potenciar a súa conservación e, ao mesmo tempo, desenvolver algunha actividade que sexa compatible coa protección.

Ánxeles Vázquez en Poio este sábado Ánxeles Vázquez en Poio este sábado

Edificacións costeiras

A Conselleira asegurou que a Xunta pretende converter 2026 "no ano do noso litoral" e anunciou iniciativas para "revitalizalo" dándolles unha "segunda vida" a inmobles de interese cultural que, mediante un cambio de uso, poidan acoller novos proxectos.

O executivo autonómico incluíu 125 inmobles costeiros considerados Ben de Interese Cultural nun catálogo en exposición pública ata finais de ano. Un deles é a antiga conserveira da familia Lafuente, en Samieira (Poio), que visitou este sábado.

Ánxeles Vázquez asegura que, unha vez aprobado o catálogo, esta fábrica da década dos 50, abandonada por falla de espazo, poderá ter outros usos.

"Tal e como estaba a Lei de costas, antes de que tivésemos plenas competencias, tiña que seguir sendo unha conserveira. O resultado? Que se converte nun inmoble totalmente abandonado e un feísmo dentro do que é un espazo espectacular. A partir do próximo ano e tendo xa aprobado o catálogo, poderá ter outros usos".

A antiga conserveira da familia Lafuente, en Samieira A antiga conserveira da familia Lafuente, en Samieira

"O camiño do litoral"

Tamén apuntou que o vindeiro ano o Goberno galego prevé investir 2 millóns de euros para que estea "plenamente operativa" a "gran senda do litoral" de 1.332 quilómetros entre Ribadeo e A Guarda. 

"É como facer o Camiño desde Roncesvalles ata Santiago. Son 52 etapas, unha para facer a pé e outra en bicicleta. A camiñable vai de Ribadeo ata A Guarda e a ciclista chega ata Tui".

No 2026 o "camiño do litoral" terá sinalética propia e unha aplicación móbil con información sobre o patrimonio natural e os elementos recollidos no catálogo de bens de interese cultural e na rede de establecementos turísticos da costa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade