Galicia estuda dous posibles novos casos de varíola do mono
Os Sergas enviou mostras ao Instituto Carlos III para a súa análise e posible confirmación
Os epidemiólogos insisten en que a enfermidade ten unha transmisibilidade baixa e que polo de agora os síntomas das persoas contaxiadas non son graves
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicou este luns a detección de dous posibles novos casos de varíola do mono en Galicia, dos que remitiu mostras ao Instituto de Saúde Carlos III para a súa análise.
Nun comunicado remitido aos medios, o Sergas indica que son xa tres os posibles casos desta patoloxía en Galicia, "todos eles sen confirmación definitiva", despois de que o pasado venres xa se advertise ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da que podería ser a primeira infección por este virus en territorio galego.
As tres persoas que están a ser obxecto de estudo presentan "un cadro compatible coa definición" desta enfermidade, aínda que a consellería de Sanidade destaca que todas elas "atópanse estables".
Desde o inicio da alerta internacional o pasado 17 de maio -engaden- Galicia estableceu mecanismos de vixilancia para poder identificar e confirmar posibles casos desta enfermidade.
Ademais de Galicia, outras oito comunidades estudan máis de medio cento de pacientes sospeitosos. De momento hai confirmados en España 34 positivos, todos en Madrid.
Capacidade de transmisión baixa
Con estes datos, España xa é o país occidental con máis persoas contaxiadas. Aínda así, os expertos chaman á calma e insisten en que a capacidade de transmisión da enfermidade é baixa.
É un virus coñecido desde os anos 50 do século XX, que malia o seu nome ten o seu reservorio en roedores silvestres africanos. Polo tanto a súa transmisión iniciase sempre cunha zoonose, un contaxio de animal a humano, que pode ser, por exemplo, por unha mordedura.
Unha vez que unha persoa contrae o virus, pode contaxialo a outros humanos. Non é sinxelo, pero foi o que sucedeu. Transmisión entre persoas en 9 países de Europa, e tamén no Canadá, os Estados Unidos e Israel. Pero aínda non se achou o paciente cero".
"Falta saber cal foi a orixe, se foi unha persoa que veu contaxiada de África, se utilizaron estes roedores como mascota e por aí puido ter lugar o contaxio inicial. Despois, o resto dos contaxios que se están vendo son a partir de reunións en saunas, en festas...", explica o epidemiólogo Juan Gestal.
O salto a humanos en Occidente foi unha sorpresa e o diagnóstico tardou uns días. Por iso, hai rutas de transmisión por esclarecer. A enfermidade ten dúas liñaxes e a que chegou a Europa é a menos grave. Sábese que as vías de contaxio son por contacto estreito prolongado. A vía sexual non é a única.
"A transmisibilidade é baixa e están sendo casos leves. Hai que velo e vixialo, pero sen crear demasiada alarma", explica Jose Luís Lamas, internista de POVISA e membro da Sociedade Galega e Medicina Interna.
Galicia ultima o protocolo para cortar as cadeas de transmisión. As mostras dos sospeitosos deben ser confirmadas por PCR no Instituto Carlos III de Madrid.
Xunto coa febre alta pode haber cansazo, malestar, dores musculares e inflamación dos ganglios linfáticos. Despois vai aparecer unha erupción.
Ao ser un virus similar, a vacina da varíola que protexe un 85 %, pode administrarse aos contactos estreitos, que deben illarse e usar máscara.