Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia é a cuarta comunidade con máis sancións por excesos de velocidade

Galicia é a cuarta comunidade con máis sancións por excesos de velocidade

En Galicia rexistráronse máis de 312.000 multas por exceso de velocidade en 2024, case tres de cada catro sancións de Tráfico

G24.gal 27/11/2025 14:27

Con sinais ao bordo da estrada, con pintura na calzada ou con avisos luminosos. Dá igual como nolo advirtan, que parece que nos custa respectar os límites de velocidade. Galicia é a cuarta comunidade en multas por exceso de velocidade, case tres de cada catro sancións. 

Se a idea é que só aprendemos polas malas, a receita chegou o ano pasado a máis de 312.000 galegos. Se non excedemos en máis de 20 quilómetros por hora en vías urbanas -ou de 30 en interurbanas- a sanción será unha multa económica, que incluso pode reducirse á metade por pronto pagamento. 

"A partir de aí xa vai por tramos de 10 en 10 quilómetros por hora", explica Jesús Cernadas, vicepresidente da asociación provincial de autoescolas da Coruña. Pon o exemplo dunha vía limitada a 50: "Se pasamos de 71 a 80 son dous puntos; de 81 a 90 son 4 puntos, e de 90 en adiante, 6 puntos". Nos casos extremos, de excesos máis elevados, o condutor podería "ir a xuízo por un delito contra a seguridade viaria, e ter condena de privación de liberdade e suspensión do permiso de conducir", aclara Cernadas.

No primeiro semestre de 2025 xa perderon puntos por velocidade case 19.500 condutores galegos. E parece que somos dos que tropezan coa mesma pedra. "Son bastante reincidentes, o que ten sancións non che vén porque perdera 4 puntos, senón que foi acumulando e perdeu bastantes máis", di Cernadas, sobre o perfil do alumnado dos cursos de recuperación de puntos. Cre que os condutores "non perciben" que a velocidade vaia ser causa de accidente "ou unha agravante en caso de accidente".

Unha falsa confianza, porque entre o 10 e 15 por cento dos accidentes son resultado directo da velocidade. En 2024 colleron nas estradas galegas 1.270 condutores con excesos graves ou moi graves: 25 pasaron pola vía penal. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade