Galicia é a comunidade en que máis baixou a lista de agarda para a dependencia, un 31,4%
Ademais, só o 2 % dos solicitantes estaría a esperar por algún trámite, a menor porcentaxe do país xunto a Navarra
Foi a segunda comunidade autónoma onde máis aumentaron as persoas con dereito a unha prestación por dependencia en 2025, un 14 %
No conxunto de España, máis de 280.000 persoas dependentes atópanse en listas de agarda

Galicia foi a comunidade onde máis se reduciu a lista de espera no que vai de ano, cun total de 1.902 persoas agardando por algún trámite a finais de setembro, un 31,4 % menos respecto ao peche de 2024.
Así se recolle no último informe da Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, cos datos do sistema de atención á dependencia ata o 1 de outubro de 2025.
Ademais, só o 2 % dos solicitantes estaría a esperar por algún trámite, a menor porcentaxe do país xunto a Navarra (tamén 2 %).
O informe destaca tamén que Galicia foi a segunda comunidade autónoma onde máis aumentaron as persoas con dereito a unha prestación por dependencia en 2025, un 14 %, só por detrás das Canarias (22,6 %).
No conxunto de España, máis de 280.000 persoas dependentes atópanse en listas de espera para ser valoradas ou para recibir un servizo ou prestación á que teñen dereito.
En canto aos tempos de espera, o informe reflicte que Galicia, con 349 días, só ten un tempo de espera mellor que as Canarias (478), Andalucía (559) e Murcia (563). A pesar de todo, este ano reduciu o tempo de tramitación en 37 días.