Unha expedición solidaria leva 200 bicicletas desde Lalín a aldeas de Marrocos
O material doado tamén inclúe material médico, deportivo e escolar
Recycling é unha ONG que comezou a súa andaina no 2018 co obxectivo inicial de recoller bicicletas, reparalas e doalas a persoas sen recursos. O primeiro envío de bicis solidarias ao exterior foi a Guinea Bissau. Levaron 25. Desde entón xa levan repartido unhas 5000.
O proxecto foi medrando, e teñen puntos de recollida en distintos concellos, de bicis, mobles, xoguetes, roupa, que reparten entre persoas vulnerables da contorna en colaboración cos servizos sociais. Pero este ano dan un salto cualitativo e, en colaboración con outra ONG, Uniraid, van levar estas 200 bicicletas a zonas moi afastadas e desfavorecidas de Marrocos.
Xosé Luis partirá esta tarde, acompañado de seu fillo Hugo, con destino Alxeciras desafiando ao mal tempo. Dali atravesarán en transbordador ata o continente africano para cumprir coa súa misión solidaria que tamén inclúe material médico, deportivo e escolar.