Fuxan os Ventos volverá aos escenarios no Auditorio Municipal de Lugo, que leva o seu nome
Os concertos terán lugar os días 5 e 8 de xuño e contarán coa participación especial de Faia e De Ninghures
As entradas sairán á venda este venres na plataforma entradaslugo.es e tamén poderán comprarse na Oficina de Turismo e nas instalacións do Vello Cárcere

O Goberno municipal de Lugo presentou os concertos que ofrecerá o grupo Fuxan os Ventos os días 5 e 8 de xuño no auditorio que leva o seu nome na cidade amurallada, e que contarán coa participación especial de Faia e De Ninghures.
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, foron os encargados de presentar estes eventos, xunto cos membros da emblemática agrupación, e fixeron un chamamento aos veciños da cidade e ao resto de cidadáns para que acudan a estas citas culturais.
"É un orgullo para nós anunciar estes concertos aquí, no auditorio que leva o nome dun grupo que forma parte da alma cultural de Lugo e de Galicia. Fuxan os Ventos non é só música, é identidade, memoria e resistencia cultural", proclamou Rubén Arroxo.
Pola súa banda, os membros do grupo tamén trasladaron a súa emoción polos concertos e por "volver á casa, a Lugo", algo que cualificaron como "un soño", e avanzaron que compartirán co público todo o que a música lles deu durante máis de 50 anos.
As entradas sairán á venda este venres na plataforma entradaslugo.es, cun prezo único de 10 euros, e tamén poderán comprarse na Oficina de Turismo e nas instalacións do Vello Cárcere.