Publicador de contidos

Publicador de contidos

Frustran un roubo nunha vivenda marcada con fíos de silicona en Poio

Frustran un roubo nunha vivenda marcada con fíos de silicona en Poio

No edificio había varias portas marcadas con este sinal, que usan os ladróns para detectar casas baleiras

Investigan se detrás hai un grupo organizado, porque no mesmo barrio xa pasara noutro bloque

G24.gal 18/11/2025 14:39

"A silicona estaba por aquí. Había unha pinga e despois estaba o fío. Entón, ao abrir a porta, o fío rompe. Daquela, se non está rompido, é que non entrou ninguén", explica unha veciña afectada.  

Novo método antes de entrar nas casas. Pasan un fío de silicona e a esperar. 

"Case sempre é para entrar a roubar. Marcan a casa e ven alguén despois para comprobar se está baleira e rouban", valora outro veciño.

"Barallan dúas hipóteses: que podían ser ocupas e tamén roubos, que estarían controlando a zona", engade a moza.

Sufrírono nun edificio de Poio hai uns meses.

"O porteiro avisounos aos veciños que descubrira nun par de pisos que nese momento estaban baleiros, que alguén puxera silicona, un fío moi moi fino. Aos poucos días, nas caixas do correo deses mesmos pisos alguén puxera outra marca", confirma o home.

"Apareceran en varios pisos do edificio esas marcas de silicona", coincide a veciña.

Pois acaba de repetirse noutro do mesmo barrio, na Caeira, pero esta vez os supostos delincuentes foron un paso máis alá. Un veciño sorprendeu un suposto ladrón intentando entrar no piso de en fronte cunha ganzúa. Era unha das portas marcadas e había máis. Non queren contalo a cámara porque aínda teñen o susto no corpo, pero tomaron medidas, como xa fixeran no outro bloque.

"Nós fixemos a instalación de cámaras, puxemos carteis avisando de que se pechase a porta e, ao final, timbra o de Amazon ou doutra cousa, e nós abrimos, e esa confianza fai que entre xente que non debería", advirte a moza.

Non é un caso illado e non apunta a ladróns comúns. Detrás podería estar un grupo organizado, pero, de momento, a investigación está aberta. Á espera de resultados.

"Ao final vives co medo no corpo, ben porque marchas de vacacións, porque escoitas ruído ou cando abres a porta a quen non debes", lamenta.

Pouco máis poden facer, pero, como remedios caseiros, evitan abrir o portal a descoñecidos e revisan a porta antes de entrar, por se houbera sinais dalgunha visita non desexada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade