Feijóo propón unha rebaixa do IVE da vivenda ao 4% para menores de 35 anos
O líder do PP indicou que esa baixada supón un 60% e que non terían que pagar o IVE no momento da adquisición
Tamén se comprometeu a manter aberta a central nuclear de Almaraz se depende del
O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, irrompeu na precampaña das eleccións estremeñas coa proposta da baixada do IVE nun 60% para a mocidade.
Feijóo dixo na localidade pacense de Lobón que a candidata dos populares, María Guardiola, gañará fronte á pinza do PSOE e Vox e fronte a un Pedro Sánchez "empeñado en facerlle oposición ao PP".
O presidente do PP comprometeuse a manter aberta a central de Almaraz se accede ao Goberno do Estado.
"Vin como os deputados do PSOE aplaudían no Congreso cando se pecha a nuclear de Almaraz e iso é unha traizón a Estremadura e unha indignidade".
Sobre a baixada do IVE para os menores de 35 anos que adquiran unha vivenda sinalou que non terán que pagalo no momento da adquisición.
"Cando cheguemos ao Goberno faremos unha rebaixa do 60% do IVE, pasando do 10 ao 4%. Do 10 ao 4%. Pagarano nos prazos nos que paguen a súa hipoteca. Se piden unha hipoteca a quince anos, o 4% pagarano en 15, e se a piden a vinte en vinte".