Rueda asegura que Galicia terá 4.000 vivendas públicas en execución en 2026
Dos inmobles destinados para venda, o 25% son para menores de 36 anos e o 40% no caso dos destinados a alugueiro
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que en 2026 haberá ata 4.000 vivendas de promoción pública "en marcha", o que permitirá que Galicia dobre o seu parque público.
Durante a súa intervención tras o retiro que protagonizou todo o Goberno galego en Meis, salientou que todas esas vivendas estarán o vindeiro ano "en diferentes graos de execución" e que serán impulsadas "directamente" pola Xunta.
En concreto, en 2026 o executivo autonómico sumará 1.000 novas vivendas ás 3.000 que xa se están construíndo, o que permitirá "facilitar o acceso a un fogar aos que o teñen complicado", especialmente as persoas menores de 36 anos.
Para este segmento de poboación, a Xunta reservará un 25% das novas vivendas que se destinen para venda e un 40% das que habiliten en réxime de alugueiro.
Rueda asegurou que o seu Goberno cumpre os compromisos fronte a unha oposición que só busca confrontación.
"Seguirémonos revelando fronte aos que só ofrecen como solución, como única alternativa para intentar chegar ao Goberno, confrontación, conflito e tensión", afirmou Alfonso Rueda, presiente da Xunta.
O retiro desta fin de semana en Meis foi o segundo convocado por Rueda tras o do ano pasado en Sober.