Publicador de contidos

Publicador de contidos

Donald Trump asegura que tutelará Venezuela e extraerá o seu petróleo durante anos

Donald Trump asegura que tutelará Venezuela e extraerá o seu petróleo durante anos

O presidente dos Estados Unidos non se compromete a dar unha data para a celebración de eleccións nin aclara por que elixiu a Delcy Rodríguez en lugar de a María Corina Machado para dirixir o país

Delcy Rodríguez defende as relacións comerciais cos EUA a pesar da "mancha" que deixa a captura de Maduro

Repsol pedirá aos EUA a licenza para renovar as exportacións de cru de Venezuela

(Reuters/Leonardo Fernández Viloria) (Reuters/Leonardo Fernández Viloria)
G24.gal 08/01/2026 10:48

Donald Trump asegura que o seu país podería gobernar Venezuela e extraer petróleo durante anos. O presidente dos Estados Unidos insiste en que o Goberno interino do país (a estrutura do chavismo) está "a darnos todo o que consideramos necesario".

Nunha entrevista co xornal The New York Times, Trump no quixo concretar durante canto tempo a súa administración vai exercer a supervisión directa da nación suramericana. "Só o tempo o dirá", limitouse a responder.

"Reconstruirémola dunha maneira moi rendible", declarou. "Imos usar petróleo e imos recibilo. Estamos a baixar os prezos do petróleo e imos dar diñeiro a Venezuela, que o necesita desesperadamente".

Trump concedía esta entrevista só unhas horas despois de que a súa administración anunciara que os Estados Unidos planean asumir efectivamente o control da venda de petróleo venezolano indefinidamente. Formaría parte dun plan de tres fases que o secretario de Estado, Marco Rubio, describiu aos membros do Congreso.

O presidente estadounidense non se comprometeu a dar unha data para a posible celebración de eleccións en Venezuela.

Trump tampouco respondeu a preguntas sobre por que recoñeceu a Delcy Rodríguez (vicepresidenta de Maduro) como a persoa encargada para pilotar os pasos do país en lugar de apoiar a María Corina Machado, líder opositora.

Limitouse a dicir: "Marco fala con ela todo o tempo", e agregou: "Direilles que estamos en constante comunicación con ela e co Goberno".

A entrevista, que se producía no Despacho Oval, foi interrompida para atender unha chamada do presidente colombiano, Gustavo Petro, quen fora ameazado polo presidente estadounidense con atacar o país polo seu papel como centro de distribución de cocaína.

Trump permitiu aos reporteiros do Times escoitar a conversa con Pedro, coa condición de que o seu contido non fose gravado. Nese momento sumáronse o vicepresidente J. D. Vance e o secretario de Estado Marco Rubio.

A chamada durou aproximadamente unha hora, segundo relata o xornal neoiorquino, e pareceu disipar calquera ameaza inmediata de acción militar estadounidense. Trump indicou que cría que a "decapitación" do réxime de Maduro intimidara outros líderes da rexión para que se aliñasen.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade