Publicador de contidos

Publicador de contidos

León XIV propón aos cardeais do mundo un cumio anual para asesorar o seu papado

León XIV propón aos cardeais do mundo un cumio anual para asesorar o seu papado

Reclamoulles esforzarse pola unidade, consciente das divisións entre as faccións reformista e conservadora

Europa Press /Vatican Media Europa Press /Vatican Media
G24.gal 08/01/2026 23:02

O papa León XIV propón aos cardeais de todo o mundo chegados ao Vaticano para asesoralo a celebración dun cumio deste tipo ao ano para seguir cooperando. O próximo sería en xuño deste ano.

O pontífice estadounidense convocara os purpurados de todo o planeta a un consistorio extraordinario de dous días, rematado este xoves, co obxectivo de obter a súa axuda para a toma de decisións no goberno da igrexa católica.

Rematado este primeiro cumio de León XIV, elixido hai só oito meses, o papa expuxo aos cardeais a organización dun consistorio anual e a posibilidade de levar a cabo outro este mesmo ano, en xuño, segundo avanzou o portavoz vaticano, Matteo Bruni.

Deste xeito, o novo papa mantén a súa aposta pola “colexialidade”, por unha igrexa participativa.

Nestes dous días, o papa logrou congregar no Vaticano 170 dos 245 membros do actual Colexio Cardinalicio e reclamoulles en varias ocasións esforzarse pola unidade, consciente das divisións entre as faccións reformista e conservadora, tamén durante os doce anos do pontificado de Francisco.

Durante o foro, León XIV instou os purpurados a “non promover axendas persoais ou grupais” porque, ao seu xuízo, “a unidade atrae e a división dispersa”.

“Somos un grupo moi variado enriquecido por moitas procedencias, culturas, tradicións eclesiais e sociais, traxectorias formativas e académicas, experiencias pastorais e, naturalmente, caracteres e trazos persoais. Estamos chamados, ante todo, a coñecernos e a dialogar para poder traballar xuntos”, emprazou.

O cardeal colombiano e arcebispo de Bogotá, José Rueda Aparicio, asegurou na rolda de prensa final do evento que “a escoita realizouse” e serviu para “fortalecer” a igrexa.

“Foi unha iniciativa do Santo Pai que brotou espontaneamente. Creo que no seu corazón está este proceso de seguir escoitándonos, coa convicción de que así tamén escoita os distintos territorios do mundo”, considerou Aparicio.

Os temas de debate propostos para estes días foran catro: a sinodalidade, é dicir, a idea dunha igrexa participativa; a evanxelización, a constitución apostólica e a conseguinte reforma da Curia do defunto Francisco e a liturxia, este último un tema divisivo entre faccións pola misa en latín.

Porén, os participantes elixiron centrarse nos dous primeiros, dada a brevidade deste foro de dous días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade