Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump di estar sorprendido polas críticas de Meloni: "A inaceptable é ela"

Trump di estar sorprendido polas críticas de Meloni: "A inaceptable é ela"

"Xa non é a mesma persoa, e Italia non será o mesmo país. A inmigración está a matar a Italia e a toda Europa", sentenciou Trump, tras confirmar que Meloni e el non falan "desde hai moito tempo"

Trump e Meloni, nunha imaxe de aqruivo ( Suzanne Plunkett / PA Wire / dpa) Trump e Meloni, nunha imaxe de aqruivo ( Suzanne Plunkett / PA Wire / dpa)
G24.gal 14/04/2026 19:34

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asegurou este martes estar sorprendido coa primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, e subliñou que "a inaceptable é ela", en resposta ás críticas desta polos ataques recibidos polo papa León XIV por parte do mandatario estadounidense.

Nunha entrevista exclusiva co diario italiano Corriere della Sera e preguntado sobre a reacción de Meloni, quen cualificou de "inaceptables" as súas críticas ao papa León XIV, Trump foi tallante:

"É ela a que é inaceptable, porque non lle importa se Irán ten unha arma nuclear e voaría polo aire a Italia en dous minutos se tivese a posibilidade".

E volveu arremeter contra o pontífice de quen dixo que "non entende, e non debería falar de guerra, porque non ten nin idea do que está a pasar. Non entende que en Irán mataron 42.000 manifestantes o mes pasado".

Na entrevista, feita por vía telefónica e de apenas seis minutos de duración, Trump criticou a Meloni pola súa suposta inacción ante a crise en Irán e acusouna de pretender que "Estados Unidos faga o traballo por ela".

"Xa non é a mesma persoa, e Italia non será o mesmo país. A inmigración está a matar a Italia e a toda Europa", sentenciou Trump, tras confirmar que Meloni e el non falan "desde hai moito tempo".

"A vostedes gústalles o feito de que a súa presidenta non estea a facer nada para obter o petróleo? Gústalle á xente? Non podo imaxinalo. Estou impactado con ela. Pensaba que tiña valor, equivoqueime", declarou Trump.

O presidente dos EUA xustificou este distanciamento porque, segundo el, Meloni "non quere axudarnos coa OTAN, non quere axudarnos a desfacernos da arma nuclear. É moi diferente do que pensaba".

"Di simplemente que Italia non quere estar involucrada. Aínda que Italia obtén o seu petróleo de alá, aínda que Estados Unidos é moi importante para Italia. Non cre que Italia deba estar involucrada", afirmou.

Ademais, Trump afirmou que Europa "se está destruíndo a si mesma desde o interior" coas súas políticas enerxéticas".

"Pagan os custos de enerxía máis altos do mundo e nin sequera están dispostos a loitar polo estreito de Ormuz, de onde a reciben. Dependen de Donald Trump para que o manteña aberto", afirmou.

Neste sentido, preguntado polo diario italiano, revelou solicitar a Italia o envío de dragaminas á zona, sen éxito.

"Pedín enviar todo o que queiran, pero non queren porque a OTAN é un tigre de papel", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade