Trump avala a Delcy Rodríguez, pero advirte: "Se non fai o correcto, pagará un prezo máis alto que Maduro"
Trump avala a Delcy Rodríguez, pero advirte: "Se non fai o correcto, pagará un prezo máis alto que Maduro"
O presidente dos EUA avisa a vicepresidenta de Venezuela que de non facer o correcto "vai pagar un prezo moi alto"
Marco Rubio anticipa unha cooperación mellor co que queda do Goberno chavista tras a captura de Maduro
Trump na conferencia de prensa este sábado. REUTERS/Jonathan Ernst
O presidente estadounidense, Donald Trump, asegura este domingo nunha entrevista coa revista The Atlantic que se a presidenta interina venezolana, Delcy Rodríguez, non fai o correcto acabará peor que Nicolás Maduro.
"Se non fai o correcto, vai pagar un prezo moi alto, probablemente máis alto que o de Maduro".
O ton nesta entrevista telefónica difire do utilizado polo mandatario na conferencia de prensa deste sábado, na que dixo que a interlocutora válida para un proceso de transición en Venezuela é Rodríguez, porque en ausencia de Maduro ela é a herdeira lexítima.
"Ela está esencialmente disposta a facer o que cremos que é necesario para facer Venezuela grande de novo", asegurou durante a intervención pública na que anunciou que Washington ía gobernar o país o tempo que fose necesario.
Trump tamén matiza a súa postura contra os cambios de réxime e a construción de país.
"Reconstruír alí e cambiar o réxime, como o queiras chamar, é mellor que o que temos agora, non podía ser peor", dixo en referencia a Venezuela.
"Reconstruír no caso de Venezuela non é algo malo", insiste, para engadir despois que o país é un "desastre en todos os aspectos".
Por outra banda, o magnate nega que existan paralelismos coa invasión e posterior ocupación de Iraq en 2003 durante a presidencia de George W. Bush.
"Eu non fun responsable de Iraq. Dso foi Bush. Teslle que preguntar a el, pero nunca debemos entrar en Iraq. Iso foi o comezo do desastre de Oriente Medio", afirmou.
Marco Rubio nunha imaxe de arquivo. REUTERS/Kevin Mohatt
"Alguén con quen se pode traballar"
As advertencias de Trump contrastan coas declaracións do secretario de Estado norteamericano respecto a Delcy Rodríguez. Segundo Marco Rubio, é unha persoa coa que se pode traballar e negociar, a diferenza de Nicolás Maduro.
"A diferenza é que a persoa que estaba ao cargo (Maduro), aínda que non lexitimamente no pasado, non era alguén con quen se puidese traballar. (...). El non é unha persoa que cumprise algunha vez cos acordos que fixera".
No programa Meet the Press, da cadea NBC, maniféstase optimista respecto á relación co resto de integrantes do Goberno do país tras a "captura" do mandatario nun ataque militar á marxe do dereito internacional.
Ademais de Delcy Rodríguez, os ministros de Defensa e Interior, Valdimir Padrino e Diosdado Cabello, son os auténticos pesos pesados do executivo chavista.
"Esperamos ver máis cumprimento e cooperación ca antes. Agora hai outras persoas a cargo do aparello militar e policial en Venezuela. Terán que decidir que rumbo tomar. E agardamos que elixan un rumbo diferente ao que elixiu Nicolás Maduro. En último termo, esperamos que isto conduza a unha transición integral".
Aclara que o seu país vai xestionar a "dirección" cara á que se moverá Venezuela e asegura que está a traballar nun proceso de transición con momentos clave nas "próximas dúas ou tres semanas".
Ademais, expresa as súas dúbidas sobre a viabilidade "a curto prazo" dos líderes opositores venezolanos.
"María Corina Machado é fantástica, e é alguén a quen coñezo desde hai moito tempo, do mesmo xeito que todo o movemento (opositor), pero estamos a lidar coa realidade inmediata", indicou sobre a activista opositora e premio Nobel da Paz.
Rubio pensa que Machado e o movemento opositor venezolano en xeral atópanse ante un problema de tempos.
"A realidade inmediata é que, desafortunadamente, e tristemente, a gran maioría da oposición xa non está presente en Venezuela. Temos asuntos a curto prazo que deben abordarse de inmediato".
Tras a captura de Maduro, Delcy Rodríguez reaccionou con dureza, cualificando a operación estadounidense de "secuestro ilegal e ilexítimo" e defendeu que Venezuela non "vai ser colonia de ninguén".