Feijóo asegura que a "tensión migratoria" é un dos principais problemas da Unión Europea
O líder do Partido Popular incidiu en que os inmigrantes deben ter sentido da integración e capacidade de adaptarse aos valores europeos
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este sábado, ademais da inmigración, os principais problemas da Unión Europea para os mozos son a vivenda e os "baixos salarios", e dixo que aquelas persoas que vaian vivir a Europa deben coñecer as súas "raíces e crenzas" e "adecuarse a elas".
Feijóo interveu este sábado en Madrid no Foro polo Futuro da UE, unha cita á que acudiron 700 mozos europeos. Nese contexto, propuxo realizar unha baixada fiscal para que as persoas de menos de 35 anos poidan adquirir a súa primeira vivenda. Tamén alertou sobre os populismos euroescépticos e incidiu en que "empeza a haber ideoloxías que non cren en Europa e que teñen un modelo de volta ao nacional, á soberanía máis estrita".
Sobre a inmigración, dixo que existe unha "tensión migratoria" e comentou que as persoas que vaian vivir a Europa "teñen que saber cales son as nosas raíces, cales son as nosas crenzas, cal é a nosa forma de vida".
"Ninguén lles pide que renuncien nin ás súas crenzas relixiosas, nin ás súas formulacións, nin á súa forma de entender o mundo. O que se lles pide é que se conviva cos dereitos dos europeos e coas obrigas dos europeos".