Sánchez apela ao "espírito de acordo" tras a ruptura con Junts; Feijóo: "Non conte comigo"
O presidente do PP pídelle a Sánchez que convoque eleccións e Sánchez empraza a Feijóo a facelo en Valencia
Junts chama "cínico e hipócrita" a Sánchez e rétalle a explicar como vai gobernar
Sánchez afirma que privatizar os servizos públicos "tamén é corrupción" e sinala a Ayuso e Moreno
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, chamou aos grupos parlamentarios "ao espírito de acordo" tras o bloqueo anunciado por Junts, para que apoien as medidas lexislativas que benefician os cidadáns fronte a unha oposición do PP "destrutiva, abonada ao esperpento e rendida á ultradereita".
Sánchez fixo esta petición na súa comparecencia ante o Congreso para informar do resultado do último Consello Europeo celebrado en Bruxelas, dos recentes cumes internacionais en que participou, así como de "a situación dos servizos públicos en España".
O xefe do Executivo reprochou ao PP que non apoiaran medidas en favor da cidadanía, como a revalorización das pensións, a reforma laboral ou a quita da débeda que beneficia a comunidades que gobernan e lamenta que outros grupos, como Junts, se sumen agora ao bloqueo. "Apelo aos grupos a ese espírito de acordo, porque a sorte de moita xente depende do que aquí se debate e se aproba", afirma.
O presidente asegura que "non houbo na historia da democracia un Goberno tan parlamentario como o que me honro en presidir", e criticou a estratexia do Partido Popular, baseada nos insultos e na contradición. "Se non teñen proxecto que lles queda? Insultar, caer en contradicións e rendese á ultradereita", asegura.
Sánchez reprocha aos populares que leven sete anos esixindo eleccións anticipadas e se neguen, ao mesmo tempo, a convocalas na Comunidade Valenciana. Pídelle ao líder de Vox, Santiago Abascal, que mova ficha. Que retire o seu apoio ao PP e favoreza a convocatoria electoral.
"Esixo a Abascal que non pacte coa dereita e permita que os valencianos vaian a eleccións", apunta. "Os cidadáns non queren negacionismo, queren cambiar o rumbo".
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, afirma que recortar servizos públicos ou privatizalos a cambio de determinados favores "tamén é corrupción", e aínda que non sexa ilegal, causa un "dano tremendo" ao país.
Na súa comparecencia no Congreso, Sánchez atacou directamente os gobernos de Isabel Díaz Ayuso e Juanma Moreno. Asegurou que a Comunidade de Madrid se converteu "nun casino no que Quirón sempre gaña e os cidadáns sempre perden", e reprochou ás comunidades gobernadas polo PP que, a pesar da achega de 300.0000 millóns de euros por parte do Goberno central para reforzar os servizos públicos, os gobernos autonómicos estean a deterioralos.
Sánchez advirte que estarán vixiantes e esixirán "transparencia absoluta" ás comunidades autónomas. Pediranlles que compartan os seus datos en sanidade, dependencia e educación e despois vanos analizar e poñer á disposición da opinión pública. "Porque -afirma- os datos dos cribados de Andalucía non son da Junta de Andalucía, son das mulleres de Andalucía".
Feijóo dille a Sánchez: "Non conte comigo para nada", e pídelle convocar eleccións
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, na súa resposta a Sánchez deixoulle claro que ante a actual situación parlamentaria, e tras a perda dos apoios de Junts, non poderá contar co PP para avanzar na lexislatura. "Non conte comigo para nada", díxolle Feijóo a Sánchez.
"Non conte co grupo maioritario desta cámara, non conte comigo nin para isto nin para nada", replícolle, mentres dirixíndose aos socios de investidura do Goberno reprochoulles que "normalicen o inaceptable".
Feijóo afirmou que "mentres o Goberno se atrincheira, a vida da xente empeora", e reprochou a Sánchez que para el "todo é prescindible salvo unha cousa, seguir no poder".
Neste sentido, criticou ao presidente do Goberno por crerse -sinalou- que as Cortes e os deputados son "un adorno" e díxolle que está "morto de medo" porque cre que algo pode conseguir "controlando" a Fiscalía Xeral do Estado e a UCO.
Neste punto, e antes de rematar a súa intervención, o Núñez Feijóo díxolle a Sánchez que só ten dúas opcións: "ou unha parálise de dous anos, ou convocar eleccións". O líder do PP esixiu que optase pola segunda, como "unha obriga política, ética e moral".
"Aínda que se resista, o seu tempo acabou, e volverá ser o tempo dos españois", concluíu Feijóo.
O líder de Vox, Santiago Abascal, insta o presidente do Goberno a convocar eleccións xerais ou calar e deixar ao PP e á súa formación reconstruír a Comunidade Valenciana, que foi "arrasada", dixo, polas súas "accións e neglixencias criminais".
Abascal comprométese "solemnemente" a esixir a inmediata convocatoria de eleccións na Comunidade Valenciana "un segundo despois" de que Sánchez disolva as Cortes e devolva a palabra aos españois: "Suba aquí e diga iso que dixo de que non hai que ter medo á voz dos cidadáns", apremou a Sánchez.
Junts chama "cínico e hipócrita" a Sánchez e rétalle a explicar como vai gobernar
"Súballe o volume ao pinganillo e escoite: esta relación acabouse", díxolle a voceira de Junts, Míriam Nogueras, ao presidente do Goberno.
Na súa intervención, Nogueras chamou a Pedro Sánchez "cínico e hipócrita", e acusouno de non cumprir cos acordos asinados co seu grupo. "So se moven se os apertamos", afirmou.
"Vostede non cumpriu, vostede non ten palabra e parece que só lle interesa o poder", sinalou a voceira de Junts, quen retou a Sánchez que "suba aquí e diga que cumpriu os acordos".
"Vostede bloqueou a lexislatura", dixo Nogueras, quen concluíu a súa intervención dicíndolle a Sánchez que "non pode marchar de aquí sen contar como pensa gobernar sen a maioría que necesita".
O BNG asegura que nunca vai facilitar un Goberno das dereitas ultra e insiste: "Queremos que a lexislatura continúe"
O deputado do BNG, Néstor Rego, apunta que o seu grupo non vai facilitar un Goberno de dereitas e afirma que é preciso que a lexislatura continúe para facer cumprir o acordo de investidura asinado co PSOE.
"O BNG nunca vai facilitar un Goberno das dereitas ultra", asegura Rego, "queremos que a lexislatura continúe porque temos asinado un acordo de investidura que queremos cumprilo na súa totalidade".
Con todo, o deputado nacionalista afirma que o Bloque non dará ao PSOE un cheque en branco: "A condición é que vostedes cumpran con Galicia".