Rescatan dúas persoas atrapadas no incendio dun edificio de Santiago
O lume obrigou a desaloxar un edificio de catro andares no barrio da Pontepedriña, en Santiago
Os bombeiros de Brión e de Ordes tiveron que reforzar os de Santiago, xa que no momento da intervención estaban baixo mínimos
A alerta do incendio chegou ao 112 contra as once menos dez da mañá. Saía fume dun edificio de catro andares do barrio compostelán da Pontepedriña. Os veciños foron os primeiros en intervir para desaloxar os residentes das catro vivendas.
"Estaba dentro da tenda, vimos saír fume e fomos correndo ao primeiro. Estaban estes dous nenos, démolos sacado e xa chegaron os bombeiros, a policía. Parece que prendeu lume no primeiro e fixemos o que puidemos", conta un home que traballa nunha tenda próxima ao edificio incendiado.
Axiña chegaron os bombeiros de Santiago. Todos os efectivos que estaban no parque eran dous bombeiros e dous mandos, polo que activaron tamén os de Brión e os de Ordes. Seica estes últimos non chegaron a intervir.
Os de Brión rescataron dous adolescentes e un can no cuarto piso coa axuda duns equipos autónomos de respiración, xa que todo o edificio estaba cheo de fume.
A intervención dos bombeiros prolongouse ata cerca da unha da tarde.