Publicador de contidos
Publicador de contidos

Freixanes: "As Tanxugueiras fan máis pola lingua ca todos os discursos académicos"

Freixanes: "As Tanxugueiras fan máis pola lingua ca todos os discursos académicos"

O presidente da RAG pensa que o gran desafío é a transmisión xeracional da lingua, sobre todo nos espazos urbanos

Considera que Francisco Fernández del Riego era un activista que entregou a vida á causa da lingua e da cultura galega

G24.gal 14/05/2023 11:27 Última actualización 14/05/2023 15:01

Nas vésperas do Día das Letras Galegas, o presidente da Real Academia Galega fai unha diagnose do estado da lingua. Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, Víctor Freixanes considera que, por unha banda, atravesa unha situación de "esperanzada enerxía".

"Podemos ver a botella medio chea ou medio baleira, pero o certo é que nunca houbo tanta creatividade na cultura e na lingua galega. No mundo do libro pero tamén no mundo desas outras dimensións artísticas e de comunicación".

Dende a perspectiva da Academia, asegura que un dos grandes desafíos é defender a lingua propia, instalada no século XXI, nun mundo global dominado polas novas tecnoloxías.

"A globalización é unha gran máquina uniformizadora, é como unha arrasadeira que tende a que todos vistamos a mesma chaqueta, falemos o mesmo idioma, consumamos as mesmas cousas... Fronte a iso temos que defender a identidade dun país que produce a súa propia cultura, que ten a súa propia enerxía creativa".

O segundo reto importante, segundo Freixanes, é a transmisión xeracional. 

"Temos que pensar que se non transmitimos a lingua ás nosas fillas, fillos, netos e netas, a lingua esmorece. E aí está o gran desafío que, sobre todo, debemos traballar nos espazos urbanos".

Insiste en que o galego é responsabilidade de toda a cidadanía porque "é propiedade de todos, incluso dos que non falan galego". Pero tamén ten, subliña, unha responsabilidade política que debemos reclamar ás persoas que deseñan os programas culturais e lingüísticos non só no eido educativo.

"O problema da lingua é cando eses nenos chegan á escola, ao recreo, ás asociacións deportivas, culturais, ao mundo do ocio, da publicidade, do lecer en todas as súas dimensións... As Tanxugueiras fan máis pola popularización da lingua galega que todos os discursos académicos, que tamén son necesarios. O mesmo sucede con todo o ámbito que ten que ver coa gastronomía, co turismo, co Camiño de Santiago, onde unha sinalética ben feita en galego axuda moito".

Paco del Riego

Respecto a Francisco Fernández del Riego, homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, defíneo coma "un activista" que entregou a vida e o seu traballo á causa da lingua e da cultura galega.

"Era un activista en todas as frontes. Dende o mundo da empresa cultural: en Galaxia, na Fundación Penzol, na revista Grial, e en todas as outras institucións nas que participou directa ou indirectamente. Pero tamén como creador, como divulgador da cultura nos seus libros, como un home que sempre estivo presente nos medios de comunicación, que conectou moi ben coa xeración anterior, a Xeración Nós, a da República (...). E cas novas xeracións que viñeron logo e el dende Galaxia abriulles a porta para que collesen o facho da cultura que viña detrás".

Lembra que foi o "inventor" do Día das Letras Galegas, unha iniciativa que xa defendía nos anos 30 nalgúns artigos do Pueblo Gallego. Pero o que máis salienta do intelectual de Lourenzá e o seu entusiasmo.

"Tiña unha frase que eu repito sempre: 'O pesimismo é reaccionario', e unha segunda: 'Non vos rendades nunca', porque o futuro facémolo todos os días entre todos".

O programa de actos de homenaxe que comezou a principios de febreiro remata no outono cun simposio en Lourenzá, no que participa a USC, e cun acto final en Vigo.

"Porque Vigo é a cidade de Paco del Riego (porque para nós era don Paco), que naceu en Lourenzá, a súa memoria afectiva está alá, pero a súa vida toda está na cidade de Vigo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade