Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arranca o diálogo do Pacto pola Lingua coa ausencia do BNG, que insiste nun cara a cara con Rueda

Arranca o diálogo do Pacto pola Lingua coa ausencia do BNG, que insiste nun cara a cara con Rueda

O PPdeG lamenta a actitude de rexeitamento do Bloque, mentres que o PSdeG estudará como ampliar e analizar en profundidade o documento

EFE/Xurxo Martínez
G24.gal 22/07/2026 14:01

Representantes do PP de Galicia, do PSdeG e de Democracia Ourensana iniciaron este mércores cunha reunión no Parlamento os primeiros contactos para analizar a proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 presentada a semana pasada pola Xunta, mentres o BNG, que tal e como avanzara se ausentou da cita, insistiu en reclamar unha reunión ao máis alto nivel co presidente da Xunta.

Ao termo do encontro, a socialista Silvia Longueira asegurou que o seu grupo ten a intención de facer as achegas que entenden que poden mellorar o texto e ampliar e analizar en profundidade o documento. Pola súa banda, a deputada do PPdeG Carmen Pomar, que asistiu á reunión xunto ao parlamentario José Luis Ferro, cualificou de positiva esta primeira toma de contacto e agradeceu a dispoñibilidade, actitude e proactividade tanto de D. O. como do Grupo Socialista, á vez que lamentou a actitude de rexeitamento do BNG ao non asistir á reunión e insistiu en que o Parlamento é a institución onde se debe debater este documento.

Do mesmo xeito, o deputado de Democracia Ourensana Armando Ojea avanzou que analizará o documento para realizar algún tipo de achega e contribuír a mellorar a situación lingüística do galego. Agora, os grupos volverán reunirse o vindeiro martes, 28 de xullo no Pazo do Hórreo, onde levarán as primeiras achegas ao documento.

Tratar o galego como lingua minorizada

Por parte do PSdeG, Longueira subliñou que os deputados do Grupo Socialista que participaron nas diferentes comisións analizarán o texto para tratar de facer un plan de acción entre agosto e setembro estruturado por áreas.

"Traeremos algunha achega, pero o fundamental é que todos os que estiveron nas comisións poidan analizar se está todo o que consideran necesario, moitas xa sabemos que non, e todas as que queremos recoller con asociacións de todo tipo en Galicia, e en setembro ter pechada a nosa visión do documento", resumiu.

Cuestionada sobre se os socialistas son partidarios da retirada total do decreto do plurilingüismo no ensino ou se lles bastaría cunha modificación, Longueira remarcou que a norma existente hoxe en día non ten sentido porque, argumentou, o galego é unha lingua minorizada e non pode ir de punto de partida con outras linguas como o castelán. "Se o galego é unha lingua minorizada ten que ter protección e vantaxes. Que iso pasa por eliminar o decreto? Perfecto. Que pasa por modificalo ou outro tipo de accións? Vexamos como o solucionamos. O importante é que é un documento que ten que protexer unha lingua minorizada e, como mínimo, cumprir os estándares en Europa", manifestou.

PPdeG, aberto para avanzar no consenso

Pola súa banda, Carmen Pomar reivindicou que o Grupo Popular está aberto a reunirse as veces que faga falta para poder avanzar no consenso. Trátase, en todo caso, dun documento de traballo, no que, tal e como insistiu, os populares están abertos a suxestións e a matizacións coas achegas dos demais grupos.

Nesta liña, a deputada apuntou que o documento chega ao Parlamento despois de moitas horas de traballo e defendeu que se debata na Cámara canto antes mellor para que os departamentos autonómicos poidan empezar a traballar nas accións concretas. "Abertos a suxestións, abertos a acordos e abertos a que por fin o grupo nacionalista se integre nestas reunións e diálogos", concluíu.

Diálogo ao máis alto nivel

Pola súa banda, a deputada do BNG Noa Presas defendeu a postura dos nacionalistas de ausentarse da reunión dos grupos e insistiu en reclamar un cara a cara entre Ana Pontón e Alfonso Rueda para falar de propostas e non dunha cerimonia propagandística cun pacto que, ao seu xuízo, trae medidas de rebaixa para o galego.

Neste contexto, censurou que Rueda non asistise ao acto propagandístico de presentación do documento a pasada semana. "Debe ser que Rueda segue moi cómodo detrás da pancarta contra o galego", apostilou.

Preguntada sobre se hai posibilidades de que o BNG acuda ás reunións na Cámara galega, Presas reiterou que a súa reclamación pasa por reunirse ao máis alto nivel con Rueda para falar en serio. "Cando o PP queira deixar de facer propaganda e queira protexer o galego e falar en serio, terá toda a disposición da líder da oposición", subliñou a nacionalista antes de volver insistir ao PP e á Xunta que collan a man tendida do BNG e senten a falar do galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade