Publicador de contidos

Publicador de contidos

Frea o seu avance o incendio de Larouco, estabilizado nun 80 %

Frea o seu avance o incendio de Larouco, estabilizado nun 80 %

Arrasou máis de 30.000 hectáreas, sendo xa o maior da historia de Galicia

De momento o lume non chegou a afectar o corazón da serra do Courel

G24.gal 21/08/2025 14:11

Por fin, despois de tantos días de loita, o que se converteu no incendio máis grande rexistrado en Galicia e que se iniciou en Larouco, en Ourense, dá un respiro. O groso dos medios de extinción concentran o traballo en Quiroga, onde as últimas informacións sinalan que se dá por estabilizado un 80 por cento do incendio.

Este vasto incendio deu algo de tregua nas últimas horas. As estimacións das hectáreas queimadas neste incendio, que se iniciou en Larouco, en Ourense, van polas 30.000.

A maior parte da terra queimada no concello lugués de Quiroga estímase que é matogueira. "Aquí piñeiro non hai. Só castiñeiros. É unha mágoa que ardan", comenta un veciño da Cruz de Outeiro.

Sen perigo nas últimas horas para as casas. Considérase estabilizado o 80 por cento da superficie que arde e grazas á mellora das condicións meteorolóxicas, as lapas frearon o seu avance. "Vese que está máis calmo, ben. Porque hai moitos máis medios e avanza máis lentamente", di un veciño.

María José Gómez, Conselleira de Medio Rural di que se vai seguir traballando na perimetración do lume cos bulldozers para cortarlle o paso ás lapas e impedir que continúen avanzando.

Os equipos de loita contra o lume na zona continúan empregándose a fondo. Por terra con mangueiras, pas e maquinaria cortándolles o paso ás lapas, como con medios aéreos con continuas descargas.

De momento o lume non chegou a afectar o corazón da serra do Courel, declarada pola Unesco xeoparque, mundial. Tamén se afasta o perigo que representaba outro incendio activo polo outro lado da serra, no veciño León, e que os medios de extinción vixiaban moi de preto dende Galicia. O vento estao a levar en dirección contraria, a Folgoso do Courel.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade