Publicador de contidos

Publicador de contidos

Francisco beatifica a Xoán Paulo I, o papa dos 33 días

Francisco beatifica a Xoán Paulo I, o papa dos 33 días

O seu pontificado foi un dos máis breves da historia

G24.gal 04/09/2022 12:37 Última actualización 04/09/2022 13:01

Francisco presidiu este domingo na praza de San Pedro a cerimonia de beatificación do papa Xoán Paulo I, Albino Luciani, un dos máis breves da historia. O seu pontificado durou 33 días e provocou que o ano 1978 estivera marcado pola elección de tres sucesores de Pedro.

A súa festividade litúrxica celebrarase o 26 de agosto. "Viviu coa alegría do Evanxeo, sen concesións", recalcou o pontífice. Xoán Paulo I converteuse no quinto papa en ser elevado aos altares despois de Pío X, Xoán XXIII, Paulo VI e Xoán Paulo II.

Francisco aprobou en outubro do ano pasado o milagre necesario para a súa beatificación: a curación extraordinaria dunha nena arxentina de once anos que padecía unha forma grave de encefalopatía.

Durante a cerimonia, descubriuse o tapiz co rostro riseiro de Xoán Paulo I na fachada do Palacio Apostólico, obra do artista chinés Yan Zhang. A reliquia de Xoán Paulo I entregada ao papa Francisco no Vaticano é un texto do seu arquivo privado que escribiu en 1956.

A partir de agora, a reliquia custodiarase na basílica catedral de San Martiño en Belluno, onde Albino Luciani realizou o seu servizo sacerdotal durante máis de 15 anos. Alí permanecerá exposta ao público.

Xoán Paulo I pasou á historia como "o Papa dos 33 días" de pontificado ou "o Papa do sorriso". Porén, tamén foi o protagonista dunha lenda negra que aseguraba que foi asasinado. O Vaticano quixo presentar a súa beatificación como un medio para coñecer mellor a súa figura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade