A viaxe por Galicia do mozo sacerdote Robert Prevost
O hoxe papa León XIV visitou Galicia en 1982 con compañeiros agostiños
En 1981 Robert Prevost chegou estudar a Roma, e alí coincidiu con compañeiros agostiños españois. Despois de ordenarse sacerdote, pasou con eles en Madrid o verán do 82. Viña para mellorar o seu nivel de español, "que xa chapurreaba", lembra o agostiño Isaac González. Pero coincidiu que era Ano Santo, así que emprenderon viaxe a Santiago.
"A idea era parar nas casas agostiñas no Camiño, pero en Galicia non había, así que collemos unha tenda de campaña e a furgoneta, e emprendemos viaxe", conta Isaac.
Relata que visitaron Lugo, foron á praia nas Rías Baixas e colleron unha boa molleira en Ferrol.
"Acampamos nun prado e, ás dúas da mañá, comezou unha chuvia torrencial -lembra-. Tivemos que marchar, empapados, por medo a non dar saído coa furgoneta de alí".
En Santiago, cruzaron a Porta Santa e abrazaron o apóstolo. "E vimos o baile do Botafumeiro", di Isaac González. Lembra que Prevost "quedara impresionado coa velocidade que collía o incensario". E conta que, aquel xove Robert Prevost, tamén apreciou outras cousas tipicamente galegas.
"Sobre todo o polbo, cun viño ribeiro ou albariño. Prevost era moi dado a experimentar, apreciaba todo o típico de cada zona", lembra.
Aquela viaxe de 1982 foi, que se saiba, a única vez que o hoxe papa visitou Galicia. O seu compañeiro e amigo Isaac vai intentar que non sexa a última: "Lembrarémoslle que Galicia sempre é un lugar importante para unha visita -asegura-, e nada máis e nada menos que ao apóstolo Santiago".
Un voto máis para que o papa León XIV visite Galicia de novo.