Publicador de contidos

Publicador de contidos

O pontífice insta á reconciliación estatal e a fuxir das polarizacións

O pontífice insta á reconciliación estatal e a fuxir das polarizacións

León XIV agradece o compromiso de España coa paz e coa solidariedade

Vai estar tres días na capital e logo trasladarase a Barcelona e ás illas Canarias

Está previsto que se reúna con vítimas de abusos sexuais por parte do clero español

O rei Filipe VI e a raíña Letizia reciben a León XIV. REUTERS/Violeta Santos Moura.
G24.gal 06/06/2026 08:04 Última actualización 06/06/2026 19:28

O papa León XIV chegou ao aeroporto de Madrid este sábado sobre as 10:20 horas para iniciar a súa primeira viaxe oficial a España. O rei Filipe VI e a raíña Letizia recibiron o pontífice a pé de escada.

Na pista de aterraxe tamén estaban o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e outras autoridades que saudaron o pontífice antes de se trasladar ao Palacio Real para a benvida oficial.

Durante o seu primeiro discurso, de forte carga política, instou a todas as autoridades á reconciliación e chamou a abandonar as "narrativas polarizantes".

Do mesmo xeito, agradeceu a España "a súa fidelidade ao dereito internacional e ao multilateralismo, que se traduce nun compromiso activo coa paz e coa solidariedade".

O Papa saúda o presidente do Goberno

Madrid, Barcelona e as Canarias

A visita apostólica, que vai durar seis días, comeza con tres xornadas maratonianas en Madrid. Despois, trasladarase a Barcelona e ás illas Canarias, en todo un desafío organizativo.

Ademais, manterá un encontro con vítimas de abusos sexuais por parte do clero español, segundo confirmou o Vaticano este venres. A xuntanza non estaba incluída no itinerario e varias asociacións de persoas afectadas critican que non as chamaran.

A benvida oficial foi no Palacio Real A benvida oficial foi no Palacio Real

A bordo do avión, que engalou ás 8:13 horas do aeroporto de Fiumicino (Roma), Robert Prevost voou acompañado de 80 xornalistas de once países e dunha ampla delegación vaticana.

"Alzade a mirada" é o lema oficial desta visita, a cuarta internacional do pontificado de León XIV e a primeira a un país da UE. A última viaxe dun pontífice a España foi hai quince anos, cando Bieito XVI estivo na capital co gallo das Xornadas Mundiais da Mocidade.

O presidente da Xunta saúda o pontífice no Salón do Trono O presidente da Xunta saúda o pontífice no Salón do Trono

"A Igrexa ten unha mensaxe para todos"

Durante a viaxe no A320 NEO, da compañía Ita Airways, León XIV fixo un chamamento "ao respecto por cada ser humano". Nunha breve intervención, amosouse contento de facer esta "primeira viaxe dun Papa a España despois de moito tempo".

"Vin moitas veces a España, pero a primeira vez nesta misión. É unha visita apostólica para atopar os fieis, celebrar a fe, anunciar a mensaxe de Xesucristo, pero ao mesmo tempo saudar a todos, a toda a sociedade, porque a Igrexa ten unha mensaxe para todos", afirmou, en alusión á carta encíclica publicada o pasado 25 de maio.

Do mesmo xeito, dixo que será "unha oportunidade" para descubrir o entusiasmo da xente nova e augurou que se pode dar "unha mensaxe moi boa".

"Unha mensaxe que, en cada porto, digamos, onde imos chegar, vai ter un sentido particular: sexa en Madrid, Barcelona, as Canarias... Pero todo para vivir a fe e para anunciar esta mensaxe do amor de Dios, da caridade, do respecto por cada ser humano".

León XIV no interior do avión. Simone Risoluti/Medios do Vaticano vía REUTERS León XIV no interior do avión. Simone Risoluti/Medios do Vaticano vía REUTERS

"Compromiso activo coa paz"

No Palacio Real, tras a rendición de honras e a interpretación dos himnos nacionais de España e do Estado da Cidade do Vaticano, comezou o encontro oficial na Sala Gasparini, no que tamén participaron a princesa de Asturias e a infanta Sofía.

O Salón do Trono acolleu o tradicional saúdo ás autoridades e ao remate, no Salón de Columnas, Filipe VI e o Papa dirixiron unhas palabras aos presentes.

No seu primeiro discurso ante as autoridades políticas, económicas, eclesiásticas e xudiciais, León XIV instou á reconciliación e chamou a abandonar as "narrativas polarizantes".

"Hoxe, a tentación de gañar popularidade avivando o lume das polarizacións parece medrar, en lugar de diminuír; a dignidade humana non deixa de ser violada. Por iso necesitamos cultura, interioridade, unha educación libre e de calidade, necesitamos transcendencia", dixo.

Tras lembrar que a historia de España "non é a cultura do enfrontamento, senón a do encontro, a que xera estabilidade e prosperidade", León XIV instou a "fuxir deses enfoques identitarios que parecen aclaralo todo, pero que poboan o mundo de pantasmas e inimigos".

O pontífice estadounidense concluíu o seu discurso agradecendo a España "a súa fidelidade ao dereito internacional e ao multilateralismo, que se traduce nun compromiso activo coa paz e a solidariedade entre os pobos".

"Claridade e firmeza"

Pola súa banda, Filipe VI puxo en valor o compromiso e o traballo da comunidade católica en España, sen esquecer un espiñento asunto, o dos abusos no seo da Igrexa.

"Non pode haber maior contraste con todo iso que a dor causada polos casos de abuso, que nin son nin poden ser representativos da inmensa comunidade eclesial", asegurou na súa primeira referencia ás denuncias de abusos sexuais.

Ao seu xuízo, a "claridade e a firmeza" de León XIV resultan esenciais para as vítimas, a comunidade de fieis, a Igrexa e a sociedade no seu conxunto.

Sobre este asunto, pronunciouse tamén o Papa no encontro que tivo coa prensa no avión, durante a viaxe dende Roma.

"Subliño o feito de que eu persoalmente sempre traballei para instituir comisións, para facer normas e seguireino facendo, tamén toda a Igrexa, porque é unha chaga aínda aberta", declarou.

Despois dos discursos, o pontífice retirouse a descansar na Nunciatura tras un percorrido no papamóbil polo centro da cidade. Antes de iniciar a axenda da tarde, reuniuse cun grupo de doentes e persoas con discapacidade acompañadas por entidades católicas.

Tamén á súa chegada ao aeroporto, foi recibido por 30 nenos e nenas da diocese de Madrid, procedentes de parroquias das oito vigairías territoriais.

Asociacións de vítimas

O papa ten confirmada unha xuntanza cun grupo de vítimas de abusos sexuais do clero. A Igrexa española foi a encargada de organizar esta reunión reivindicada polas asociacións españolas de persoas afectadas.

O Vaticano explicou que se proporcionará "máis información" despois do encontro "se fose necesario", por "respecto" aos seus "desexos e a confidencialidade requirida". Polo momento, descoñécese cando será.

Con todo, o anuncio non convence a algunhas das principais asociacións de vítimas e sobreviventes que denuncian a súa exclusión e lembran que levan anos colaborando coas investigacións, co Defensor do Pobo e coa elaboración de protocolos e propostas de reparación.

A Asociación Nacional Infancia Roubada (ANIR), a Asociación de Vítimas de Abusos (AVA), Justive Iniciative, LulaCris, os colectivos Alborada, vítimas de La Salle e El Vedat reclaman "unha escoita verdadeiramente inclusiva".

"Non queremos unha foto co papa: queremos dereitos e reparación para todas as vítimas (...) Un saúdo institucional carece de valor se non vai acompañado dunha escoita real e de respostas efectivas", explican nun comunicado conxunto.

León XIV saúda dende o papamóbil polo centro de Madrid León XIV saúda dende o papamóbil polo centro de Madrid
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade