Francia, O Reino Unido e O Canadá amezan a Israel con "medidas concretas" se segue a ofensiva en Gaza
Francia, O Reino Unido e O Canadá amezan a Israel con "medidas concretas" se segue a ofensiva en Gaza
Os líderes dos tres países, "non van quedar cos brazos cruzados" e instan ao Goberno de Netanyahu a cesar esas "accións escandalosas" e permitir a entrada da axuda humanitaria

Francia, O Reino Unido e máis O Canadá ameazaron este luns con emprender "medidas concretas" contra Israel se non detén a súa ofensiva militar en Gaza, á vez que se mostraron "determinados" a recoñecer o Estado palestino.
"Non quedaremos cos brazos cruzados", indicaron os líderes deses tres países nunha declaración conxunta na que instan o Goberno de Netanyahu a cesar esas "accións escandalosas" e permitir a entrada de axuda humanitaria na franxa.
Emmanuel Macron, Keir Starmer e Mark Carney condenan a ofensiva lanzada en Gaza e consideran "intolerable" o "sufrimento humano" que provoca na poboación civil, á vez que tachan ce "insuficiente" o fluxo de axuda humanitaria permitido por Israel.
"Pedimos ao Goberno israelí o cesamento das súas operacións militares en Gaza e que autorice inmediatamente a entrada de axuda humanitaria" que debe incluír "o compromiso coa ONU para garantir a súa chegada" á poboación civil, sinalan os tres líderes.
"Se Israel non pon fin á nova ofensiva militar e non levanta as restricións á axuda humanitaria, tomaremos outras medidas concretas en represalia", agregan. Os tres líderes mostran o seu rexeitamento á expansión de colonias en Cisxordania e pide poñer fin a eses asentamentos "ilegais" que "comprometen a viabilidade dun Estado palestino así como a seguridade de israelís e palestinos". "Non dubidaremos en tomar outras medidas, incluídas medidas contra persoas específicas", sinalan.
Francia, Reino Unido e Canadá mostran o seu apoio aos esforzos diplomáticos emprendidos polos Estados Unidos, Catar e Exipto para lograr un cesamento do fogo inmediato. É o primeiro paso para resolver o conflito, pero engaden, debe traballarse nunha saída con dous estados, "único medio de achegar a paz e a seguridade duradeiras que merecen israelís e palestinos e de garantir a longo prazo a estabilidade da rexión".