Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel ordena evacuacións ante un ataque "sen precedentes": Netanyahu di que tomarán o control de toda Gaza

Israel ordena evacuacións ante un ataque "sen precedentes": Netanyahu di que tomarán o control de toda Gaza

O mandatario tamén asegurou que tomou a decisión de permitir unha entrada "mínima" de axuda a Gaza por medo a que a fame negra no enclave faga que os aliados de Israel retiren o seu apoio militar e diplomático ao país

Netanyahu deixou claro que esta decisión permitirá a Israel alcanzar a "vitoria total" en Gaza e cumprir o seu obxectivo principal: destruír completamente a Hamas, que goberna o enclave

G24.gal 19/05/2025 11:34

O Exército de Israel ordenou este luns a evacuación total da cidade de Jan Yunis, así como as áreas de Beni Suhaila e Abasan, no sur da Franxa de Gaza, anticipando que lanzará "un ataque sen precedentes" contra elas, segundo un comunicado castrense.

O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, dixo este luns que o exército israelí tomará o control de "todas as zonas da Franxa de Gaza", e que o seu Goberno permitirá unha entrada "mínima" de axuda humanitaria ao enclave para poder continuar coa ofensiva. "Temos uns combates intensos, enormes, e está a haber progresos. Imos tomar o control de todas as zonas da Franxa, iso é o que imos facer", dixo Netanyahu nun vídeo compartido en redes sociais pola radio do Exército.

O mandatario tamén asegurou que tomou a decisión de permitir unha entrada "mínima" de axuda a Gaza por medo a que a fame negra no enclave faga que os aliados de Israel retiren o seu apoio militar e diplomático ao país. "Os nosos mellores amigos do mundo, senadores que apoian apaixonadamente a Israel (...) dinme isto: "Estamos a darche toda a axuda necesaria para a vitoria, armas, apoio, protección no Consello de Seguridade. Pero hai unha cousa que non podemos aguantar, non podemos aceptar imaxes dunha fame negra, unha fame negra masiva", explicou Netanyahu, aparentemente en referencia aos EUA.

Por iso, o primeiro ministro dixo tomar a "difícil" decisión de permitir unha entrada mínima de subministracións ata que o país poida poñer en marcha o seu plan de restrinxir a distribución de axuda humanitaria a unha serie de puntos no sur do enclave asegurados polo Exército. "Tomará tempo, imos establecer os primeiros puntos nuns días e despois engadiremos máis", dixo o mandatario sobre o plan, apoiado polos Estados Unidos pero rexeitado de plano pola ONU, ata o de agora a encargada de distribuír axuda en Gaza.

Netanyahu deixou claro que esta decisión permitirá a Israel alcanzar a "vitoria total" en Gaza e cumprir o seu obxectivo principal: destruír completamente a Hamas, que goberna o enclave. "Tomará tempo, pero acabaremos por cumprilo", asegurou. A decisión de retomar a entrada de axuda a Gaza, que leva máis de dous meses completamente bloqueada por Israel, foi anunciada onte á noite por Netanyahu despois de que o Exército israelí dese por iniciada a nova fase da súa ofensiva contra Gaza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade