Londres autoriza os pescadores da UE ao acceso a augas británicas durante doce anos
O acordo estreita a relación entre a UE e o Reino Unido tras o brexit: "Este acordo marca unha nova era coa Unión Europea", di Starmer
Von der Leyen: Estamos a abrir novo capítulo da nosa relación única con Reino Unido

A Unión Europea (UE) e o Reino Unido chegaron a un novo acordo para reforzar a súa relación nun amplo número de ámbitos, desde a defensa ao comercio ou a pesca, anunciou este luns o Goberno británico.
Os acordos foron anunciados durante o primeiro cumio bilateral entre a UE e o Reino Unido tras a saída británica do bloque comunitario en 2020, que reúne hoxe no palacete de Lancaster House en Londres ao primeiro ministro británico, Keir Starmer, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o presidente do Consello Europeo, António Costa.
"É hora de mirar cara a adiante. De deixar atrás os debates obsoletos e as loitas políticas para atopar solucións prácticas e de sentido común que beneficien o pobo británico. Estamos dispostos a colaborar cos nosos socios se iso significa mellorar a vida das persoas aquí en casa", dixo o primeiro ministro.
"Diso trátase este acordo: de saír ao mundo unha vez máis, seguindo a gran tradición desta nación. Construíndo as relacións que elixamos, cos socios que elixamos, e pechando acordos en beneficio da nación. Porque iso é o que fan as nacións independentes e soberanas".
O contido dos acordos
Segundo un comunicado difundido por Downing Street (oficina do primeiro ministro británico), Londres e Bruxelas alcanzaron un novo acordo pesqueiro por 12 anos, como pretendía a UE, que a cambio reducirá as cargas administrativas para que a industria agroalimentaria británica poida exportar aos Vinte e sete.
Ese pacto sanitario e fitosanitario, de duración ilimitada, obrigará ao Reino Unido a aliñar os seus estándares cos da UE e permitirá eliminar controis a produtos animais e vexetais e reducir os tempos de espera nas aduanas.
Tamén se chegou a un entendemento para "cooperar" nun programa de mobilidade xuvenil, que contemplaría a introdución de cotas e sería limitado no tempo, segundo o comunicado de Londres, que a pesar de todo non ofreceu máis detalles sobre este punto, un dos que máis interese levantaba nos Vinte e sete.
Como estaba previsto, a UE e o Reino Unido pecharon unha nova Asociación en Seguridade e Defensa, que permitirá á industria militar británica participar no fondo de defensa comunitario.
De igual forma, o Reino Unido abrirá conversacións para acceder por primeira vez á base de datos faciais comunitaria e permitirase aos viaxeiros británicos acceder polas portas electrónicas de acceso nos aeroportos.
Segundo o Goberno, unha cooperación máis estreita en materia de emisións mediante a vinculación dos respectivos Sistemas de Comercio de Emisións mellorará a seguridade enerxética do Reino Unido e evitará que as empresas se vexan afectadas polo imposto ao carbono da UE, que entrará en vigor o próximo ano.
En conxunto, prevese que os Sistemas de Comercio de Emisións engadan case 9.000 millóns de libras (10.710 millóns de euros) á economía do Reino Unido para 2040.
As exportacións británicas de aceiro están protexidas das novas normas e aranceis restritivos da UE.
O Executivo agregou que o Reino Unido iniciará conversacións sobre o acceso aos datos de imaxes faciais da UE por primeira vez, ademais dos acordos existentes para os datos de ADN, impresións dixitais e matriculación de vehículos.
Isto mellorará a capacidade para atrapar a delincuentes perigosos e garantir que comparezan ante a xustiza con maior rapidez.
Os turistas británicos poderán utilizar máis portas electrónicas en Europa, poñendo fin ás filas nos controis fronteirizos, mentres que as mascotas tamén poderán viaxar con maior facilidade grazas á introdución de "pasaportes para mascotas" para cans e gatos do Reino Unido.
Von der Leyen: "Pasamos páxina"
A presidenta da Comisión Europea (CE), Ursula von der Leyen, afirmou que a Unión Europea abriu un “novo capítulo” na súa “relación única” co Reino Unido, ao termo do primeiro cume entre as dúas partes.
“Pasamos páxina. Estamos a abrir un novo capítulo na nosa relación única. Esta é a historia duns socios históricos e naturais que se atopan de xeito conxunto na escena mundial, afrontando os mesmos retos, asumindo os mesmos obxectivos, compartindo os mesmos valores”, indicou Von der Leyen nunha rolda de prensa ao termo do encontro.
A política alemá destacou na comparecencia, acompañada polo primeiro ministro británico, Keir Starmer, e o presidente do Consello Europeo, António Costa, que a UE e o Reino Unido agora están “a buscar solucións que sexan beneficiosas para os nosos pobos” traballando “de xeito conxunto” para chegar a elas.
Keir Starmer, defendeu este luns que o cume entre o Reino Unido e a Unión Europea (UE), celebrada hoxe en Londres, e o acordo para unha nova Asociación Estratéxica, "marcan unha nova era".
"Este acordo é unha vitoria para as dúas partes e consegue o que os británicos votaron: dános acceso sen precedentes ao mercado da UE á vez que mantén as liñas vermellas do noso programa electoral", dixo