Rueda e Lores asinan un convenio para a construción de 118 novas vivendas de promoción pública en Pontevedra
Rueda e Lores asinan un convenio para a construción de 118 novas vivendas de promoción pública en Pontevedra
Esta cesión de chan en Pontevedra permitirá a construción de 54 pisos en Valdecorvos, 52 na rúa Ernestina Otero e 11 nas Devesas cun investimento de máis de 22 millóns
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Lores, asinaron este luns un convenio que permitirá a construción de 118 novas vivendas de promoción pública na cidade.
O acto tivo lugar esta tarde no barrio de Valdecorvos, e durante o mesmo o Goberno local cedeu de forma gratuíta tres parcelas ao Executivo autonómico para levantar alí ata 118 pisos de promoción pública.
A primeira en tomar a palabra foi a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen puxo en valor o traballo realizado nos últimos meses para desenvolver vivenda alcanzable en toda a comunidade. Tamén reivindicou o compromiso da Xunta co acceso á vivenda dos máis novos, destacando a creación da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia.
Tras ela tomou a palabra o rexedor pontevedrés, quen mostrou a súa "satisfacción" pola rúbrica deste convenio, xa que na cidade hai unha "gran demanda" de vivenda a prezo "razoable", especialmente entre os máis novos. Por iso, agradeceu á consellería este "empuxón" á vivenda de protección, asegurando que contará "sempre" coa colaboración do Concello.
Na mesma liña falou o presidente autonómico, que pechou o acto subliñando o apoio do Goberno municipal á hora de asinar o convenio, porque "isto non é cuestión de cores políticas". Despois de lembrar que se chegou a acordos similares noutras cidades galegas, Rueda esperou que máis localidades se unan para así "poñerse a traballar" e construír máis vivendas e non "teorizar sobre quen o podería facer e quen non o fixo".
Alfonso Rueda reiterou o seu obxectivo desta lexislatura de duplicar o parque público de vivendas ata alcanzar as 8.000.
En concreto, esta cesión de chan en Pontevedra permitirá a construción de 118 pisos. Deles, 54 estarán en Valdecorvos, 52 na rúa Ernestina Otero e 11 nas Devesas. En total, supoñerán un investimento duns 22,48 millóns de euros.
As novas promocións completarán un conxunto de actuacións que inclúe xa 132 vivendas entregadas e 182 en marcha, para un total de 432 vivendas públicas neste ámbito urbano.
Precisamente este luns publicouse a licitación da dirección de obra e proxecto para a construción de Valdecorvos, que inclúe 54 vivendas por un valor estimado de 10,3 millóns de euros.