Formoso pídelle "ambición" á Xunta para reclamar a xestión do litoral
"Decidir se sobrevive ou non un sector non se pode facer desde o Paseo da Castellana", di o secretario xeral do PSdeG
Formoso lamenta que "outras comunidades fixeron os deberes" na reclamación de competencias e a Xunta non
Os socialistas galegos queren que a xestión do litoral se faga desde Galicia e non desde Madrid. Téndenlle a man á Xunta nesta reclamación ante a negativa do Goberno de traspasarlle esta competencia á comunidade.
Nunha visita á confraría de pescadores de Baiona, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, instou a Xunta a reclamar non só a xestión do litoral, senón todas as competencias que se lle recoñecen á comunidade no estatuto de autonomía.
"Queremos facer unha reclamación á Xunta para que lidere a petición ao Estado de que as instalacións situadas no litoral galego de dominio público marítimo terrestre, da que dependen miles e miles de familias se decidan aquí en Galicia”, dixo Formoso.
"Decidir se sobrevive ou non un sector non se pode facer desde o Paseo da Castellana en Madrid, tense que tomar desde aquí, desde Galicia, porque somos os que mellor coñecemos as necesidades do sector, os que defendemos o sector e loxicamente os que defendemos a sustentabilidade da nosa costa", engadiu.
A ambición que Formoso reclama á Xunta non se limita ao que ten que ver co litoral galego senón que se estende a outros ámbitos "onde o estatuto xa queda anticuado", asegurou.
Mentres outras comunidades autónomas "xa fixeron os seus deberes", concluíu Formoso, a Xunta aínda non, de modo que "debe reforzar o seu estatuto para dotalo de mecanismos de flexibilidade, e de capacidade para xestionar os sectores estratéxicos do noso país".