Finsa presenta un ERTE que afecta 1.300 persoas ao non ter materia prima para traballar
Endesa di que terá que parar a central das Pontes se non lle chega carbón

Finsa, a maior empresa de madeira galega, presenta un ERTE para as súas catro fábricas. O expediente de regulación afecta case 1.300 traballadores.
O grupo parou hai unha semana as súas fábricas debido á falta de materias primas e agora decidiu presentar o ERTE pola paralización das actividades.
O expediente vaise extender ata o 30 de abril. A empresa comprometeuse cos traballadores a que complementará os salarios ata o 90 % das retribucións, e non se van penalizar as vacacións, pagas extras e xubilacións.
Endesa As Pontes parará se non chega carbón
A central térmica de Endesa das Pontes podería ter que parar a súa produción hoxe ou mañá se non chega o cargamento de carbón que está no porto de Ferrol, do que non puido aínda saír pola folga de transportistas, confirmaron a Efe este venres fontes de Endesa, propietaria da central.
Estas fontes explicaron que as existencias de carbón, o combustible co que produce electricidade esta central, están xustas desde onte e non se sabe se haberá o suficiente para todo o día de hoxe, algo que dependerá da produción eléctrica que se faga.
A central térmica das Pontes renovou a actividade nun dos seus catro grupos na madrugada do pasado 15 de marzo tras estar preto de dous meses inoperativa, un período no que o persoal técnico supervisou o estado das instalacións.