Publicador de contidos

Publicador de contidos

O illote do Areoso ponlle desde hoxe límite á súa masificación

O illote do Areoso ponlle desde hoxe límite á súa masificación

Só se pode visitar o Areoso previa inscrición en http://areoso.xunta.gal

O acceso ao illote queda restrinxido a 150 persoas diarias, 50 por cada unha das tres quendas habilitadas

Haberá multas a partir de 3.000 euros para os que accedan sen permiso

Dende hoxe queda restrinxido o acceso ao Areoso
G24.gal 04/07/2023 14:58

"Dende hoxe, calquera persoa que queira visitar o illote de Areoso ten que entrar na aplicación de areoso.xunta.gal e dende aí ten que facer unha selección de como quere acceder ao Areoso. Pode ir a través dun fondeo, pode ir cunha embarcación con motor ou cunha embarcación sen motor", explica Belén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural.

O Areoso xa está protexido. Era un clamor pola masificación que viña experimentando nos últimos anos e que estaba poñendo en perigo a conservación deste espazo natural.

"A cota é de 150 persoas ao día en tres quendas. Dende o mencer á unha da tarde, da unha da tarde ás cinco e dende as cinco da tarde ata o solpor", continúa Do Campo.

Teresa e José son asiduos ano tras ano. Hoxe quixeron ser os primeiros en visitalo.

"Pensabamos que non ían estar as prazas todas collidas e aproveitamos, e despois en setembro e outubro tentaremos volver", conta Teresa.

Eles son clientes habituais dunha das empresas de turismo activo da illa, unha das que máis loitou para que chegara este día, o día en que se regulase un espazo tan sensible.

"Os últimos 5, 6 anos vimos que isto se estaba convertendo un pouco nun circo porque aparecían empresas de debaixo das pedras e sen ningún tipo de control, masificando un pouco o sector e había que poñerlle freo", apunta Marta Iglesias, xerente de Piragüilla.

Con todo, consideran que a cota é escasa para a subsistencia das empresas de turismo activo da zona. Eles que foron dos primeiros en poñer de moda o Areoso animan a descubrir outros recantos espectaculares que ofrece A Illa de Arousa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade