Ferrol, Cádiz e Cartaxena unen forzas no sector naval
As asociacións de empresarios buscan impulsar os investimentos en novas tecnoloxías ante o aumento do gasto en defensa
A historia da construción naval en España ten as súas raíces en cidades como Ferrol, Cádiz e Cartaxena. Dos primeiros acoirazados para a Armada ás máis modernas construcións navais.
"Fragatas, corvetas e submarinos cos que competimos a nivel mundial", di o presidente dos empresarios de Cádiz.
Europa pide redobrar os investimentos en defensa nun contexto de transformación dixital que as empresas queren aproveitar para impulsar o tecido produtivo.
"Xuntando as empresas podemos xerar un ecosistema a nivel nacional que nos permitan desenvolver economicamente os nosos territorios", asegura Ana Correa, presidenta da Confederación de empresarios de Cartaxena.
E poñen cifras sobre a mesa.
"Se os investimentos estratéxicos que se fan en terceiros países se fixesen na industria nacional, xeraríanse 8.000 postos de traballo", calcula Cristóbal Dobarro, presidente dos empresarios de Ferrol.
A industria naval prepara un encontro en Madrid para poñer en común as capacidades tecnolóxicas e a formación de traballadores.
"Necesitaremos enxeñeiros, soldadores, caldeireiros para dar cobertura á gran demanda de traballo que imos ter nos próximos anos", di o presidente dos empresarios de Cádiz, José Andrés Santos.
E pídenlle ao Goberno planificación de obras e presupostos que lles permita ás empresas facer investimentos de futuro.