A Autoridade Portuaria de Ferrol saca a concurso a construción da terminal de transatlánticos
A terminal será de uso aberto a todas as navieiras
Inclúe a construción dun edificio para as empresas

O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou a licitación da construción e explotación dunha terminal de transatlánticos na dársena interior este venres.
O ente portuario di que a decisión nace para responder á súa aposta por impulsar un dos seus tráficos estratéxicos polo impacto económico que supón para a cidade e a súa comarca.
Agora, o servizo préstase cunha pequena terminal transportable con capacidade limitada que pertence á Autoridade Portuaria.
O concurso que outorga a concesión para construír e explotar unha terminal de transatlánticos pretende mellorar o servizo que se presta e incrementar o número de escalas.
A terminal será de uso aberto a todas as navieiras, consignatarias e prestadoras de servizos de pasaxe. A licitación inclúe a construción dun edificio para as empresas interesadas nel, que poderán presentar as súas ofertas. Terá unha vixencia de 30 anos.
Por outro lado, o consello de administración adxudicou a xestión do edificio da lonxa á confraría de pescadores e mariscadores de Ferrol.