Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ferro a fondo no Motor Show de Silleda

Ferro a fondo no Motor Show de Silleda

Os condutores amosaron as súas habilidades nos circuítos de drift e burnout

O evento conta cunha exposición de vehículos exclusivos 

G24.gal 19/07/2026 14:15

A afección ao motor reúnese esta fin de semana en Silleda onde se poden ver de preto vehículos seleccionados e os mellores pilotos de drift danzando na pista. Nesta edición de verán algúns visitantes poden incluso participar no espectáculo e ter a súa propia experiencia como pilotos amateur.

Cheiro a gasolina, rodas queimadas e motores que brúan nos circuítos de drift e burnout. É a maior atracción do Motor Show Galicia e a afección reúnese para ver máis de 20 pilotos que soben a adrenalina dentro e fóra da pista. 

"Engancha porque é un deporte de compañeirismo, adrenalina. Hai que controlar o descontrol, que é no que consite o drift. É moi divertido e sempre quedas con ganas de máis, de ir un pouco máis rápido, ser un pouco máis agresivo e tes esa necesidade de estar en continua mellora", asegura a piloto Tania Titanio

"Os pilotos que participan a nivel de campionato de Drift Portugal igual hai uns dez. Dos campionatos da Drift España igual. Hai xente que está participando a nivel Eurocrew" explica Sindo Alonso, organizador do evento

As exhibicións e competicións son o prato forte do evento, que tamén conta cunha exposición de vehículos exclusivos.

"Fixemos un trazado bastante grande, similar a un de campionatos. Creo que é un trazado moi bonito. Hai pilotos de moi alto nivel e o máis chamativo son as batallas e os coches que hai, de nivel máximo de España e mundial", di Marc Blanco, piloto e organizador

"O que máis me gustan son as batallas, que son cando saímos dous coches xuntos e imos un coche detras do outro facendo como unha especie de baile que agora mesmo estamos gozando. Á hora de competir é o que mellor saiba facelo tanto indo de líder como de perseguidor. Para min ese momento en que vas detrás do outro coche e estás a centímetros da súa porta é o momento que máis nos gusta a todos. Si que é certo que sempre hai un risco pero iso tamén nos gusta: pode saír mal pero se sae ben, que guapo nos queda", explica Tania Titanio

As actividades continúan ata as 10 e media da noite do domingo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade