Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un can mórdelle a un mozo da Estrada que o estaba paseando e que quedou ferido

Un can mórdelle a un mozo da Estrada que o estaba paseando e que quedou ferido

Os berros de auxilio da vítima alertaron aos veciños que puideron salvarlle a vida 

Polo de agora non se sabe o motivo da reacción do can, que pertence a un amigo do ferido

G24.gal 28/03/2022 14:32

Un mozo de 25 anos da Estrada sufriu varias mordeduras ao ser atacado por un can ao que estaba a pasear. O animal, de raza potencialmente perigosa e que pertence a un amigo da vítima, botouse a el e provocoulle varias feridas nun brazo. Os feitos non pasaron a máis grazas á intervención de varios veciños que escoitaron os seus berros pedindo auxilio.

Eran arredor das tres do mediodía do domingo cando os veciños da avenida de Santiago e Camiño Real escoitaron os gritos. Un mozo e veciño da Estrada estaba a ser atacado por un can que estaba paseando xunto a outro, de raza boxer, que non causou problema ningún.

"Arrincou cadea, arrincou o bozo e enganchouno por un brazo e levouno arrastro uns dez metros", explica un veciño da zona e engade que grazas a uns veciños conseguiron reducir o can e atalo. 

"Se non chega a ser polos veciños, mal augurio"

De feito a rápida reacción de dous veciños puideron salvarlle a vida á vítima antes da chegada da Policía Local que foi alertada polo 112."Foron os que chegaron nun primeiro momento e conseguiron apartar ao can porque tiña reducido ao mozo. Tíñao no chan e suxeito polo brazo esquerdo e estaba arrastrándoo pola explanada. Se non chega a ser polos veciños, mal augurio", indica José Luis Rey, policía local da Estrada. 

O mozo quedara co can do seu amigo, en principio de raza pit bull, mentres este ía facer uns recados. Os feitos aínda se están a investigar e polo de agora non se sabe o motivo da reacción do animal, que nese intre ía sen bozo e que días atrás intentara morder outra veciña.

"Polas características do can parece un de raza potencialmente perigosa, pero isto aínda está en investigación porque nos falta a documentación do animal", confirma o axente da policía municipal. 

A vítima foi atendida polo persoal sanitario da ambulancia que se desprazou ao lugar, e foi trasladado ao PAC ao sufrir varias mordeduras e esgazadura no brazo esquerdo, así como feridas no outro brazo e na cabeza provocadas cando o can o arrastrou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade