Ferido o condutor dun bus urbano en Santiago tras saír da vía e chocar contra unha ponte
O vehículo impactou contra unha ponte da AP-9, na estrada entre Santiago e Os Tilos
Os bombeiros liberaron o chofer, que foi trasladado ao Hospital Clínico
O condutor dun autobús urbano de Santiago quedou ferido ao quedar sen freos o vehículo e bater contra unha ponte da AP-9.
Por sorte, no momento do accidende, a primeira hora desta tarde, non viaxaba ningún pasaxeiro. O autobús realizaba a liña A6, que nas fins de semana cobre o traxecto entre o aeroporto e a urbanización dos Tilos.
Cando circulaba pola AC-481 ao seu paso polo Outeiro do Castiñeiriño, o bus foise de fronte na rotonda que dá acceso ao colexio Peleteiro para acabar impactando contra o viaduto polo que transcorre a autoestrada.
Os bombeiros de Santiago axudaron o condutor a saír do vehículo. Despois foi trasladado ao Hospital Clínico nunha ambulancia do 061.
O vehículo procedía da urbanización dos Tilos no momento do accidente, que se rexistrou nun treito en pendente.