Un home de 52 anos morre no incendio dunha vivenda en Monforte de Lemos
Outras catro persoas, da mesma familia, están moi graves
Un home de 52 anos morreu e outras sete persoas quedaron feridas no incendio dunha vivenda situada no centro de Monforte de Lemos.
Sobre as sete e media da mañá, un empregado de limpeza decatouse do fume e alertou os servizos de emerxencia.
Dentro do edificio había oito persoas, todas elas da mesma familia, que estaban na localidade pasando as festas do Nadal. Entre elas, había tres menores.
O lume sorprendeunos cando estaban durmindo. Grazas á intervención dos axentes da Policía Local e Nacional e dos bombeiros, puideron evacualas.
Logo de dúas horas de traballo, o lume quedou controlado. As forzas de seguridade investigan as causas. Segundo as primeiras pescudas, podería ter a súa orixe nun forno eléctrico.
Catro das persoas afectadas polo incendio están moi graves, dúas na unidade de queimados do complexo hospitalario da Coruña (CHUAC) e outras dúas na de Lugo (HULA).