Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falecen con seis días de diferenza os xemelgos máis famosos de Francia

Falecen con seis días de diferenza os xemelgos máis famosos de Francia

Non estaban vacinados contra a covid e atribúese a súa morte a esta enfermidade

G24.gal 03/01/2022 21:18

Os irmáns Bogdanoff, os xemelgos máis famosos de Francia, coñecidos por lanzar o primeiro programa televisivo de ciencia ficción no país, faleceron con seis días de diferenza, tras a morte este luns de Igor.

Os dous foron ingresados o 15 de decembro no hospital Georges Pompidou de París e o primeiro, Grichka, morreu o pasado 28 de decembro, aos 72 anos de idade.

Aínda que a familia non quixo pronunciarse sobre a causa, a súa contorna asegurara á prensa que ningún dos dous estaba vacinado contra o coronavirus, e cando Grichka morreu, tras varios días en coma, atribuíu o seu falecemento á covid.

Segundo a cadea BFM TV, non eran antivacinas, pero consideraban que estaban en boa forma física e que non formaban parte do grupo que debía inmunizarse.

Os xemelgos, descendentes da aristocracia austríaca, saltaron á fama en Francia como presentadores do programa de ciencia ficción 'Temps X', en antena de 1979 a 1987.

Igor e Grichka, que nesa emisión se vestían con rechamantes fundas prateadas, eran tamén recoñecidos polo seu particular rostro, de queixo e pómulos prominentes. A pesar da evidente transformación da súa cara ao longo dos anos, ambos negaran recorrer á cirurxía estética ou padecer acromegalia.

Eran doutores en Física e Matemáticas, escritores e figuras destacadas da divulgación científica para o gran público, aínda que parte da comunidade científica criticara a súa obra e consideraban que esta tiña escaso valor.

En xuño 2018 foron imputados por estafa a persoa vulnerable, sospeitosos de aproveitarse da vulnerabilidade dun millonario de 54 anos que se suicidou en agosto dese ano, e o xuízo ante o Tribunal Correccional de París estaba previsto para este xaneiro, segundo o diario Le Monde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade